Valentín García participa na xuntanza anual da Asociación Amigos da Terra de Montes

O secretario xeral de Política Lingüística participa nos actos que incluíron a presentación do libro Fidalguía e Heráldica da Terra de Montes, colaborado pola Xunta

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 2 de outubro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu esta tarde á xuntanza anual que a Asociación Amigos da Terra dos Montes organiza dende os anos 80 entre os concellos de Beariz, Cerdedo e Forcarei, que incluíu a presentación dun novo libro co apoio da Xunta. Foi unha celebración que acolleu o Auditorio do Centro Cultural de Cerdedo despois de dous anos de ausencia e na que os membros da asociación homenaxearon a tres personaxes relevantes dos concellos integrantes.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade trasladou a “satisfacción da Xunta de Galicia por que funcionen en cada comarca e lugar células de dinamización cultural e social que con tanta ilusión renovan cada ano a súa vocación de difundir o saber e facelo dende a cultura e lingua propias de Galicia.”. Tamén quixo felicitar a “cada un dos galardoados coas insignias douradas da agrupación”, que desta vez foron o actual director xeral de Gandaría, José Balseiros Guinarte, de Cerdedo-Cotobade; o empresario e músico José María Álvarez Sanmartín, de Forcarei, e o veciño de Beariz, José Fortes Muradás, que o pasado verán cumpriu 100 anos.

Compilación da historia heráldica de Terra de Montes


A continuación, finalizando as actividades da xornada, José Manuel Bértolo Ballesteros presentou o seu novo libro, Fidalguía e Heráldica da Terra de Montes, promovido pola Asociación Amigos da Terra de Montes co apoio da Xunta de Galicia. O volume, de máis de 230 páxinas, “fundamenta e divulga a riqueza cultural dunha comarca natural tan querida por nós como é a de Terra de Montes”, indicou Valentín García, que tamén quixo “felicitar a todos os que fixeron posible que un ano máis se publique un libro de investigación tan completo que nos axuda a coñecer un pouco máis das nosas orixes”.

O libro inclúe unha presentación de José Raposeiras e un prólogo do escritor e antropólogo de Beariz, Xesús Antonio Gulías Lamas, mentres que o deseño da cuberta leva o selo do Pintor Xosé Caramés Campos.