A Xunta inviste 1,5 M€ na rehabilitación integral do colexio Juan de Lángara en Ferrol, que se adecuará ao plan de nova arquitectura pedagóxica

A actuación enmárcase dentro dunha serie de obras proxectadas en infraestruturas educativas neste concello que acadan os 5M€ de orzamento

Román Rodríguez destaca o compromiso do Goberno galego reflectido en importantes investimentos para o futuro da comarca, como a ampliación do Centro Integrado de FP de Ferrolterra, cunha inxección de 1,7M€
 

Ferrol, 5 de outubro de 2021

O colexio CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte, en Ferrol, vai ser obxecto dunha rehabilitación integral nos próximos meses que suporá un investimento de preto de 1,5M€ por parte da Xunta de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, trasladouse hoxe ao centro para presentar o proxecto que se acaba de licitar e que está previsto que se adxudique no mes de decembro para que as obras -que teñen un prazo de execución de cinco meses- se executen no primeiro semestre de 2022.

Segundo explicou o conselleiro, esta obra forma parte dun paquete de accións ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que, no caso do Concello de Ferrol, acadan os 5M€ de investimento. Unha contía que -en palabras do conselleiro- “reflicte o compromiso do Goberno galego con este concello e con esta comarca” e, en especial, “co futuro dos mozos e mozas”.

Román Rodríguez referiuse especialmente aos 1,74M€ que se van licitar este trimestre para a ampliación dos talleres do Centro Integrado de Formación Profesional CIFP Ferrolterra, un dos centros máis innovadores e destacados no ámbito da FP, así como a xa licitada rehabilitación integral do instituto IES de Catabois cun investimento de case 784.000€.

A estas hai que engadir actuacións de menor envergadura noutros centros coma o centro de FP CIFP Leixa, o colexio CEIP San Xoán de Filgueira ou os institutos Concepción Arenal, Saturnino Montojo e Ricardo Carballo Calero, que no seu conxunto suman uns 185.000€ de investimento.

Descrición da mellora do Juan de Lángara

No caso da actuación do CEIP Juan de Lángara, as obras que se veñen de licitar por un importe de 1.497.341€ e un prazo de execución de cinco meses abranguen a reparación da cuberta do edificio mediante paneis de dobre chapa de aceiro con illante intermedio, illamento que tamén abrangue os volumes anexos do ximnasio e o salón de actos.

No que atinxe á fachada exterior tamén se procederá ao seu illamento mediante o sistema SATE cun zócalo antihumidade na súa zona inferior e verteaguas de chapa de aluminio pregada.

A rehabilitación abrangue, así mesmo, a instalación de novas carpintarías de aluminio anodizado gris natural con rotura de ponte térmica e acristalamento de dobre vidro laminado acústico, pulido e abrillantado de pavimento interior de terrazo, pintado de paramentos interiores, renovación da instalación eléctrica e dotación de luminarias LED de baixo consumo e renovación dos faltos teitos do salón de actos e ximnasio.

Estas obras enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para deseñar un novo modelo de centros postpandemia, máis amplos, eficientes e mellor integrados na contorna. O plan conta un orzamento de 191M€ nesta lexislatura.
 

Imaxes relacionadas