A Xunta inviste máis de 149.000 euros na substitución das carpinterías e na reparación das fachadas do CEIP da Castellana de Aranga

Gonzalo Trenor explicou que as obras previstas suporán un salto de calidade no confort para o alumnado e máis eficiencia desde o punto de vista enerxético

O delegado da Xunta destacou que na cidade e na comarca da Coruña hai comprometidas 87 actuacións en centros educativos que contarán cun investimento de case 8 millóns de euros

Aranga, 8 de outubro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Aranga, Alberto Platas, visitou o CEIP da Castellana no que a Xunta de Galicia vai acometer a substitución da cuberta e a renovación de das carpinterías cun investimento de máis de 149.000 euros, o que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. A actuación ten un prazo de execución de dous meses.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, mantivo unha reunión co equipo directivo para informar da licitación desta obra. O proxecto propón o cambio das carpinterías exteriores en todas as fachadas do volume principal por unhas con rotura de ponte térmica e maior estanqueidade que favorezan un mellor confort térmico interior, excepto as que xa foron modificadas na planta primeira.

Ademais está previsto a reparación do zócalo perimetral de formigón, cunha limpeza previa e usando posteriormente formigón polímero para regularizalo e protexelo. Levarase tamén a cabo a reparación das fisuras na fachada e dos desconchamentos producidos pola aparación de humidades para posteriormente proceder ao pintado de todos os cerramentos. Finalmente, protexerase a estrutura da cuberta do patio con pintura epoxi, previo cepillado da mesta.

Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento.

Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.

Este investimento únese as obras previstas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade na área da Coruña que ascenden a 87 actuacións cun investimento total de case 8 millóns de euros. Na cidade da Coruña están comprometidas actuacións de mellora en 7 centros educativos e na comarca da Coruña en colexios de nove concellos, concretamente en Curtis, Abegondo, Vilasantar, Culleredo, Arteixo, Cerceda, Coirós, Oza-Cesuras e Aranga.

Infraestruturas ao servizo dos retos educativos

Trenor lembrou que a Xunta ten “a obriga e a responsabilidade de coidar a máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros, onde xogan e onde aprenden a socializar”.

Neste senso, sinalou a importancia de que todas as novas actuacións en infraestruturas escolares –ben sexan de nova construción ou ampliacións e reformas– fagan especial fincapé no deseño de espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Isto é, “un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos”, incidiu o delegado da Xunta.

Así, a nova arquitectura educativa institucional vai reforzar os colexios na transformación dixital (con polos creativos e espazos maker, entre outros), na aposta pola inclusión (con espazos máis amplos e saudables, que garantan a accesibilidade e a inclusión de todos os seus usuarios), e no especial deseño de patios e pistas multideporte, máis sostibles desde o punto de vista medioambiental, e integrados na contorna onde se inxiren.

Imaxes relacionadas