A Xunta fixa uns investimentos iniciais por 16,5 M€ para a comarca do Baixo Miño no proxecto dos Orzamentos autonómicos 2022

O delegado territorial, Luis López, informa das contas para a bisbarra, que teñen como principal partida os máis de 10 M€ para executar un “importante avance” na Vía de Altas Prestacións Tui-A Guarda

Os investimentos tamén inclúen a mellora hidráulica de Viladesuso, a reforma da igrexa do Mosteiro e a pasarela de Loureza, en Oia, a escola infantil e o porto da Guarda, a ampliación do IES de Tomiño, o plan Rexurbe e o novo CEIP de Pazos de Rei en Tui ou as accións de embelecemento no Rosal, con 225.000€, ao abeiro da distinción Galicia Parabéns

Tui, 2 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vén de fixar uns investimentos iniciais de 16.583.762 euros para a comarca do Baixo Miño no proxecto de Orzamentos 2022, segundo informou o delegado territorial en Pontevedra, Luis López, que considera que estas achegas “serán fundamentais para o desenvolvemento e o progreso desta contorna do sur da provincia”.
“O punto de partida para o Baixo Miño por parte da Xunta xurde do noso compromiso con esta bisbarra e está fixado en máis de 16 millóns de euros, unha contía que vaise ampliar con total seguridade a través dos plans, convenios, ordes de axudas ou novos proxectos que xurden ao longo do ano”, manifestou o representante autonómico.
Luis López recalcou que a Xunta “é a institución que máis inviste, de longo, nesta comarca e ademais as actuacións deseñadas abranguen todos os ámbitos necesarios para a cidadanía, apostando polas infraestruturas viarias, as obras educativas, a conciliación, a formación e a creación de emprego, o mar, a vivenda e o turismo”.
O delegado territorial salientou que a principal actuación céntrase no avance, “que se agarda importante en 2022”, apostillou, da Vía de Altas Prestacións (VAP) entre Tui e A Guarda, que conta cunha achega para o vindeiro ano de 10.754.172 euros e que vai ser “fundamental” para a vertebración da comarca e a súa interconectividade con outras zonas da provincia.
“Os principais investimentos, por contía ou singularidade, roldan os 13,5 millóns de euros, pero as contas da Xunta tamén contemplan de xeito específico e nominal para os concellos do Baixo Miño outras actuacións de menor contía en instalacións deportivas, novas tecnoloxías, silvicultura, limpeza de montes e desbroces, obras educativas, transporte ou dixitalización no ensino ata alcanzar os citados 16,5 millóns iniciais de investimentos para o vindeiro ano”, significou o delegado territorial.

Principais investimentos 2022 da Xunta no Baixo Miño

Tui /A Guarda

Vía de Altas Prestacións

10.754.172
Oia

Mellora hidráulica do río en Viladesuso

350.000

A Guarda

Fase final da Escola Infantil

87.922

A Guarda

Mellora do Porto

162.000
Oia

Mellora do Camiño de Santiago

60.000

O Rosal

Embelecemento con “Galicia Parabéns”

225.000
Tomiño

Ampliación do IES de Tomiño

50.000
Tui

Melloras do Camiño de Santiago e Albergues

60.000
Tui

Plan Rexurbe de Vivenda

716.800
Tui

Construción do novo CEIP en Pazos de Rei

50.000
Oia

Mellora da igrexa do Mosteiro

479.272

Tui-A Guarda

Obradoiros de emprego

416.000
Oia

Construción da pasarela de Loureza

90.000