O conselleiro de Facenda e Administración Pública preside a toma de posesión do novo interventor xeral e da directora xeral de Planificación e Orzamentos

Miguel Corgos destacou a continuidade que estes dous nomeamentos achegan á súa Consellería, así como a formación, experiencia e capacidade de traballo de Chacón Pichel e López Iglesias

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presidiu hoxe a toma de posesión de Arturo López Iglesias como interventor xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e de Almudena Chacón Pichel como directora xeral de Planificación e Orzamentos.

Na súa intervención, o conselleiro destacou a continuidade que estes dous nomeamentos achegan ao seu departamento e puxo en valor a formación e experiencia de ambos os dous, así como a súa capacidade de traballo.

Arturo López Iglesias (A Estrada, 1973) é licenciado en Matemáticas pola USC e funcionario da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia (grupo A1) desde o ano 2004. Ademais ten un Máster en Administración Financeira e Tributaria (USC), un Máster en Big Data e Business Analitycs pola Universidade Complutense de Madrid, e un curso de postgrao en Dereito Tributario pola Universidade de Santiago de Compostela.

Desenvolveu a súa carreira administrativa como subdirector xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario na Consellería de Cultura (2008-2010), posteriormente foi subdirector xeral de Planificación Económica na Consellería de Facenda (2010-2012) e subdirector xeral de Programación Financeira do Sector Público na Consellería de Facenda (2012-2017). Desde o 2017 e ata o de agora, Arturo López viña desempeñando o posto de auditor no Consello de Contas de Galicia.

Por outra banda, Almudena Chacón (A Coruña, 1973) é licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, na especialidade de Empresariais pola Universidade de A Coruña e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia (grupo A1) desde o ano 2001. Ademais dispón do Máster in fiscal studies pola Universidade de Bath (Reino Unido) e do diploma de directivo da Xunta.

Comezou a súa carreira administrativa no ano 2001 como xefa do Servizo de fiscalización e contabilidade na Intervención Delegada da Consellería do Medio Rural (2001-2005), posteriormente foi interventora delegada da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (2005-2009), e tamén subdirectora xeral de Coordinación e Relacións co Consello de Contas na Intervención Xeral da Consellería de Facenda (2009-2011). Desde o 2012 e ata o de agora, Almudena Chacón viña desempeñando o posto de interventora Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na Consellería de Facenda e Administración Pública.

Imaxes relacionadas