O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na presentación da marca Galicia Logistics

Os orzamentos da Xunta para 2022 recollerán un programa de axudas pioneiro para que as pemes poidan mellorar a eficiencia na loxística

Conde asegura Galicia Logistics “reivindica o papel que, desde Galicia, pode ter a loxística, non só para o comercialización dos nosos produtos, senón tamén para atraer novos investimentos”

Resalta que supón dispoñer dunha marca para que a loxística sexa “un elemento de competitividade para o tecido produtivo galego”

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, adiantou hoxe que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano recollerán un programa pioneiro en Galicia para que as pemes galegas poidan mellorar a eficiencia na loxística, o abastecemento e a distribución de produto.

Conde asistiu hoxe en Santiago de Compostela á presentación da marca Galicia Logistics, á que están adheridas, ademais da Xunta, as autoridades portuarias galegas e as empresas que forman parte do Clúster da Función Loxística de Galicia, ao que agradeceu a posta en marcha desta iniciativa. Segundo dixo, “supón que Galicia dispoña dunha marca para impulsar o seu posicionamento loxístico e o desenvolvemento de actividades que permitan unha maior competitividade ao tecido produtivo neste eido”.

Galicia Logistics, engadiu, “reivindica o papel que, desde Galicia, pode ter a loxística, non só para a comercialización dos nosos produtos, senón tamén para atraer novos investimentos”. Por iso, puxo de relevo o apoio que a Xunta presta a esta iniciativa —a través da vicepresidencia económica e das consellerías de Infraestruturas e Mobilidade e do Mar—, para que a loxística sexa “un elemento de competitividade para o tecido produtivo galego”.

Conde asegurou que se trata dun sector que é a columna vertebral da economía e que vai ser clave para a recuperación económica. Un sector, dixo, que terá que adaptarse a un mercado en constante cambio polos avances en materia de dixitalización e sustentabilidade.

Nesta liña, subliñou que os retos da loxística van está na transformación dixital e sostible; en optimizar o sistema de infraestruturas, para o que vai ser clave o Corredor Atlántico; en impulsar a internacionalización, cunhas exportacións que en Galicia bateron un récord histórico no acumulado de xaneiro a agosto (15.000M€); e en innovar de forma colaborativa incentivando o talento e os novos proxectos, como así vai facer a nova aceleradora do sector para toda a Eurorrexión, Cologistics.

Imaxes relacionadas