A Xunta declara a Fundación Agroalimentaria Gallega de interese para o desenvolvemento rural de Galicia

Coa publicación de hoxe no Diario Oficial de Galicia, ordénase a inscrición de dita entidade no Rexistro de Fundacións de Interese Galego

A Fundación Agrolimentaria Gallega busca potenciar o sector agroalimentario da comunidade, co consecuente desenvolvemento e potenciación do medio rural

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Agroalimentaria Gallega. A pertinente declaración e inscrición procede porque esta Fundación ten como obxectivo a consecución da agrupación, unión e colaboración de diferentes organizacións e entidades do ámbito agroalimentario para fomentar e promover dito sector na nosa comunidade, co consecuente desenvolvemento e potenciación do medio rural galego.
Para a consecución dos seus fins, a Fundación Agroalimentaria Gallega contempla a posta en marcha dun proxecto global de cooperación entre os distintos estamentos da sociedade co fin de reactivar e relanzar o sector agroalimentario galego, a promoción da innovación e a tecnoloxía para a consolidación do sector agroalimentario da comunidade e o impulso de novos produtos, canles de distribución, procesos e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos.
Así mesmo, busca aglutinar e apoiar accións para facer fronte aos retos da industria agroalimentaria galega, promover iniciativas empresariais e transformadoras que redunden na promoción, a transformación, a modernización e a recuperación do sector agroalimentario da comunidade e a mellora do rendemento das explotacións e potenciar e/ou colaborar con estratexias que redunden en beneficio do sector agroalimentario galego.
Do mesmo xeito, a Fundación Agroalimentaria Gallega persegue captar e atraer investimentos nacionais ou internacionais e potenciar a peme agroalimentaria galega e o desenvolvemento do emprendemento nas zonas rurais de Galicia. Tamén colaborar coas administración públicas e empresas agroalimentarias co fin de acadar selos e denominacións de calidade diferenciada nas producións agroalimentarias galegas, así como para recuperar e poñer a producir terreos en estado de abandono en Galicia, entre outros obxectivos.

Departamento:
C. do Medio Rural