Trenor reuniuse coa Asociación pola liberdade afectiva e sexual da Coruña

A Coruña, 15 de novembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse coa presidenta da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (Alas Coruña), Ana G´. Fernández. No encontro recolleu as reivindicacións deste colectivo e destacou que esta entidade conta co apoio do Goberno galego para levar a cabo as actividades que desenvolven en promoción dos dereitos e intereses de persoas gais, lesbianas, transexuais, bisexuais ou intersexuais coa finalidade de sumar esforzos para combater calquera discriminación por razóns de orientación sexual.

A través do apoio da Xunta, estes colectivos desenvolven distintas actuacións para avanzar na promoción da igualdade de oportunidades, da visibilidade e da sensibilización tales como campañas de información social; actividades de investigación; actuacións de acompañamento, asesoramento e información; ou elaboración de materiais didácticos, entre outras.

A Xunta mantén un firme compromiso co apoio e a defensa do dereitos LGTBI. Fai falta lembrar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cunha Lei -a 2/2014, do 14 de abril , pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia- que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI.

Imaxes relacionadas