O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou no XXXII Ciclo Luis Asorey sobre dixitalización do sector agrario galego
A Xunta pon en valor a súa estratexia de Dixitalización e descarbonización da xestión do monte e ferramentas estatísticas como o inventario forestal continuo
Na súa intervención, José Luis Chan apelou ás necesidades de usar a tecnoloxía para acelerar os procesos produtivos do sector forestal, de erixir a figura dos silvicultores e as súas agrupacións e de potenciar ecomateriais baseados en madeira
Nesa liña, hoxe mesmo o Consello da Xunta valorou un informe sobre a plataforma FORTRA, posta a disposición das empresas forestais para que informen aos consumidores das características dos seus produtos elaborados a partir de madeira
O director xeral tamén se referiu ás estatísticas para facer diagnose do sector que elabora a Consellería do Medio Rural, como as presentes no Observatorio forestal ou o Inventario forestal continuo do que se prevén ter os primeiros datos en 2022
O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou esta tarde no XXXII Ciclo Luis Asorey sobre dixitalización do sector agrario galego cun relatorio baixo o título de “Dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia”. Así, na súa intervención referiuse á estratexia nese sentido que veñen desenvolvendo nos últimos anos a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Deste xeito, o director xeral puxo en valor a tecnoloxía para acelerar os procesos produtivos do sector forestal mediante -entre outros- a simplificación administrativa, logrando aumentar a eficiencia e reducir tempos que incidan directamente na conta de resultados ao longo de toda a cadea monte industria. Tamén falou da necesidade de empoderar aos silvicultores e ás súas agrupacións para lograr a transición á bioeconomía circular e do potencial dos ecomateriais baseados en madeira.
No marco da Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) da Xunta, o Consello do Goberno galego analizou hoxe precisamente un informe sobre a plataforma dixital FORTRA, posta a disposición das empresas forestais galegas para que poidan informar a clientes e consumidores das características dos seus produtos elaborados a partir de madeira, incluíndo a súa pegada de carbono, así como o bosque do que proceden e as operacións de transformación que foron necesarias para a súa elaboración. A maiores de a esta ferramenta, José Luis Chan referiuse ás poxas telemáticas de madeira e á tramitación online tanto das axudas forestais, como das cortas de particulares ou dos instrumentos de ordenación forestal. Tamén aludiu á xestión pública de montes baixo selos de certificación PEFC e FSC, ao rexistro de empresas do sector forestal e ao rexistro das actuacións de sanidade forestal xeorreferenciadas por parte do Goberno galego.
Canto á estatística forestal, o director xeral falou do Observatorio Forestal habilitado pola Consellería do Medio Rural, con gráficas dinámicas en tempo real, así como do Inventario forestal continuo do que se prevé ter os primeiros datos en 2022 para ir guiando as políticas e accións ao abeiro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.
Presenza da Xunta
O XXXII Ciclo Luis Asorey sobre dixitalización do sector agrario galego deu comezo o pasado luns coa participación de Manuel Barcón, xerente de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que pronunciou o relatorio "Contexto europeo, español e galego sobre dixitalización e robótica. Estratexia Galega Dixital 2030”.
O evento rematará o vindeiro mércores 24 de novembro, cunha intervención a cargo da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, baixo o título “Estratexias de dixitalización para o territorio rural galego”.