A Xunta constata os avances rexistrados na ordenación e na certificación dos montes galegos

José Luis Chan salientou que Galicia lidera o incremento en superficie total certificada FSC a nivel nacional e que o terreo ordenado supera hoxe as 300.000 hectáreas, un 42% máis ca no ano anterior

En resposta a outra pregunta, destacou que a Xunta investirá este ano case 2,6 millóns de euros na sanidade dos soutos de castiñeiros, para facer fronte tanto a doenzas como a avespiña ou o cancro como para as redes sanitarias, de danos e de avisos
 

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Galicia avanza na ordenación e na certificación dos seus montes. Así o constata a Xunta, a tenor dos últimos datos sobre a materia e contemplando tamén as previsións cara o futuro. O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, debullou hoxe estas cifras en resposta a unha pregunta sobre a cuestión na Comisión 7ª do Parlamento. Así, segundo informou Chan, a superficie actual baixo proxectos de ordenación forestal en Galicia supera lixeiramente as 300.000 hectáreas, sendo un 42% superior á do ano anterior. Da totalidade desta superficie ordenada, 136.300 hectáreas corresponden a montes baixo xestión da Xunta.
Con respecto ás previsións, o director xeral subliñou que son tamén moi positivas, cun incremento notable xa no vindeiro ano 2022. Neste sentido, José Luis Chan apuntou que na convocatoria de 2020 concedéronse axudas para 677 instrumentos de ordenación, que abranguen máis de 165.000 hectáreas de superficie. Ademais, o director xeral lembrou que as perspectivas establecidas na revisión do Plan Forestal de Galicia sitúan en 850.000 as hectáreas ordenadas en 20 anos, ata o 2040.

Canto á certificación, Chan tamén destacou a boa marcha dos indicadores. Nesta liña, explicou que baixo o sistema FSC atópanse xa certificadas 103.000 hectáreas, das cales o 31% están baixo xestión da Xunta, e que no 2021 multiplicouse por 15 o territorio en xestión pública amparado por este selo, pasando de pouco máis de 2.000 a 32.200 hectáreas, e de 7 montes a 79.

Isto fai -engadiu o director- que Galicia lidere o incremento en superficie total certificada FSC a nivel nacional e sexa xa, tras Andalucía, a segunda comunidade dentro deste sistema, supoñendo o 29% da superficie certificada en España. Respecto ao outro selo internacional de certificación, PEFC, Galicia conta con 281.000 hectáreas rexistradas, das cales un 48% corresponden a montes baixo xestión da Xunta.

Por último, cara o futuro José Luis Chan recordou que o Plan Forestal de Galicia contempla acadar as 650.000 hectáreas certificadas no seu prazo de aplicación, ata o ano 2040, e puxo en valor o feito de que xa foran superadas as previsións deste plan para o quinquenio 2021-2025 (situábanse nas 200.000 hectáreas e só as certificadas por PEFC xa se achegan ás 300.000 hectáreas).

Sanidade dos soutos galegos

En resposta a outra pregunta, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal trasladou que o seu departamento inviste este ano preto de 2,6 millóns de euros na sanidade dos soutos de castiñeiros, para facer fronte tanto a doenzas como a avespiña ou o cancro como para as redes sanitarias, de danos e de avisos. Precisamente, estas redes están activadas, segundo explicou Chan, para facer fronte aos fungos que este ano, a causa da meteoroloxía, están aparecendo nestas masas forestais. Entre eles fixo referencia concreta ao denominado antracnosis, que este ano está a ter presenza nalgunhas zonas de Galicia.

Para atallar este fungo, o director xeral indicou que se están a adoptar diferentes medidas, entre elas a toma de mostras para a súa análise na Estación Fitopatolóxica do Areeiro, en base ao convenio asinado coa Consellería do Medio Rural en materia de sanidade forestal, agardando ter en breve os resultados destas análises. Tamén se fortaleceu a actual rede galega de seguimento de danos cunha rede de avisos fitosanitarios que permita coñecer con rapidez os danos que se produzan nos bosques de Galicia e avisar aos silvicultores para que poidan tomar as decisións oportunas. Neste sentido, insistiu no concepto da co-responsabilidade á hora de manter os soutos nas mellores condicións posibles para mellorar a súa situación sanitaria.

Nesta liña, José Luis Chan anunciou tamén que entre este final de ano e comezos do vindeiro montaranse unhas 28 novas parcelas distribuídas nos soutos de maior interese, para poder avaliar a situación sanitaria e as posibles variacións na produción. E engadiu que coas xa existentes, isto permitirá contar cunha rede de 41 parcelas localizadas nestas masas, para avaliar a súa sanidade. Todo isto, salientou, enmárcase no Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Castaña (2021-2024), – que á súa vez é unha das medidas a desenvolver recollidas no Plan Forestal de Galicia –.
 

Imaxes relacionadas