O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Madrid na xornada ‘Política industrial para unha transición xusta’, organizada por UGT e CCOO

A Xunta defende que o obxectivo da política industrial para lograr unha transición xusta pasa por xerar novas oportunidades a través da innovación e o diálogo social

Conde apostou por unha industria sostible baseada no talento e a innovación, dous dos eixos prioritarios nos orzamentos do Goberno galego para o próximo ano, que destinan 276M€ a impulsar o ecosistema de I+D+i

Salientou que a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) pensa nunha Comunidade enfocada ao binomio sustentabilidade-industria de cara a 2030

Defendeu que o carácter innovador é sinal de identidade da Marca Galicia, que debe ir vencellada a sectores de alto valor engadido e a proxectos estratéxicos que aspiran a poñerse en marcha coa axuda dos fondos europeos Next Generation
 

Madrid, 19 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Madrid na xornada Política industrial para unha transición xusta, un encontro hispano-alemán promovido polos sindicatos UGT e CCOO, onde reivindicou que o obxectivo da política industrial para unha transición xusta pasa por xerar novas oportunidades apostando pola innovación e o diálogo social.

Así, avogou pola planificación dunha “política industrial transformadora que permita contar cun tecido produtivo competitivo e unha industria sostible e vencellada á innovación e ao talento”, dous dos eixos prioritarios nos orzamentos da Xunta de Galicia para o próximo ano, que destinan 276M€ a impulsar o ecosistema de I+D+i.

Nun contexto como o actual, no cal a innovación galega ten medrado máis do dobre que a media de España desde o 2014, o Goberno autonómico está a traballar, da man dos axentes sociais, para sacar adiante a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que pensa nunha Galicia de 2030 enfocada ao binomio sustentabilidade-industria, tendo en conta que a innovación é a chave de todo este proceso de transición cara a unha economía dixital e sostible.

Neste sentido, Conde defendeu que o carácter innovador é sinal de identidade da Marca Galicia, que debe ir vencellada a sectores de alto valor engadido e a proxectos estratéxicos que aspiran a poñerse en marcha coa axuda dos fondos europeos Next Generation en ámbitos como o forestal, a automoción, o aeronáutico, o naval, o agroalimentario e a medicina personalizada.

“En calquera destes proxectos, a innovación será o ingrediente fundamental porque son iniciativas transformadoras e que repercuten na competitividade da nosa industria, o benestar da cidadanía e tamén na cohesión social e territorial, que é outro dos grandes propósitos que debe perseguir unha política industrial de transición xusta”, manifestou o vicepresidente económico da Xunta.
 

Imaxes relacionadas