A Xunta apoia 25 proxectos de pemes e microempresas galegas que incorporan o deseño aos seus procesos produtivos

A convocatoria de DeseñaPeme, que mobilizará ao redor de 3M€, permitirá mellorar a capacidade de innovación e sustentabilidade de 12 empresas de Pontevedra, seis de Ourense, catro da Coruña e dúas de Lugo

Enmárcase dentro do novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 e o seu obxectivo é apoiar proxectos de deseño de produtos, servizos, experiencias, marcas e identidade corporativa

A incorporación do deseño á estratexia empresarial repercute positivamente en factores coma o volume de vendas, a penetración no mercado, a internacionalización e a fidelización do cliente
 

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria do programa DeseñaPeme, a primeira liña de axudas específicas para que as microempresas e pemes galegas poidan mellorar a súa capacidade de innovación e sustentabilidade a través da incorporación e a xestión do deseño estratéxico. A través dun investimento público de preto de 1,5M€, o Goberno galego apoiará 25 proxectos que mobilizarán 2,95 millóns de euros.

Esta nova iniciativa, promovida pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), enmárcase dentro do novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 e fará posible 86 contratos –16 novas contratacións e mantemento de 70 postos de traballo cualificados–.

Os proxectos beneficiarios de DeseñaPeme 2021 están aliñados coas prioridades establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia en tres modalidades concretas: deseño de produtos novos ou redeseños dos xa existentes (16); iniciativas para o deseño ou redeseño de servizos e experiencias (4); e deseños de marca e identidade corporativa que lle presten unha especial atención aos valores sustentables e innovadores (5).

En total, foron 24 as empresas que resultaron beneficiarias –unha delas obtivo axudas por dous proxectos distintos–, das cales 12 son micropemes, nove son pequenas empresas e tres medianas. A maioría delas pertencen á provincia de Pontevedra –12–, seguida de Ourense –seis–, A Coruña –catro– e Lugo –dúas–.

Por sectores, a maioría de proxectos pertencen a bens de equipo e maquinaria, con cinco iniciativas, ao que seguen o agroalimentario (catro), servizos profesionais (catro), automoción (tres), construción (dous), téxtil e confección (dous) e pesqueiro e acuicultura, comercio, educativo e madeira e moble con un en cada caso.

Mediante estas axudas, a Xunta quere contribuír a que o deseño estratéxico se converta nun elemento relevante e habitual na planificación, nos procesos e no modelo de negocio das empresas galegas, impulsando a súa capacidade innovadora e a súa competitividade no mercado global, aumentando o volume de vendas e a penetración no mercado, a súa internacionalización, propiedade industrial, diferenciación, imaxe percibida e recoñecemento de marca e fidelización do cliente.
 

Imaxes relacionadas