A Xunta inicia unha viaxe institucional a México para abrir novas posibilidades de negocio ás empresas galegas

O director do Igape, Fernando Guldrís, participa esta semana nunha misión plurisectorial no marco do Plan Foexga, que impulsa o Goberno galego en colaboración coas cámaras de comercio para favorecer a internacionalización de pemes e autónomos

México supón nestes momentos o primeiro destino das exportacións galegas a Latinoamérica e o sexto país máis importante fóra de Europa

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director do Igape, Fernando Guldrís, inicia mañá unha viaxe institucional a México na procura de abrir novas posibilidades de negocio ás empresas galegas. Neste sentido, a axenda que levará a cabo o titular do departamento autonómico enmárcase nunha misión plurisectorial dentro do Plan Foexga, que impulsa a Xunta de Galicia en colaboración coas cámaras de comercio para favorecer a internacionalización de pemes e autónomos.

Neste sentido, a visita do director do Igape incluirá distintos encontros institucionais, económicos e empresarias, na procura de reforzar os vínculos co país neste período de recuperación económica trala pandemia da covid-19.

“México é un país que está medrando e que está a recuperar a súa economía neste 2021”, apunta Guldrís, resaltando que supón nestes momentos o primeiro destino das exportacións galegas a Latinoamérica e o sexto país máis importante fóra de Europa. “Durante os nove primeiros meses do ano, as exportacións galegas a México ascenderon a preto de 159 millóns, o que supón un 30,8% más con respecto ao mesmo período do ano anterior”, incide Guldrís.

Neste marco, a misión comercial que impulsa o Igape, en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña, inclúe distintos encontros cos representantes de empresas galegas no país, coa Cámara de Comercio de España en México e coa Embaixada.

Así, mañá martes, Guldrís reunirase con empresas galegas con filial en México, como Ramón García, Cortizo e Malasa, mentres que o xoves manterá encontros con compañías da propia misión comercial impulsada no marco do Foexga, e con representantes de Redegal e Valora.

“O obxectivo é reforzar o intercambio de contactos e potenciar o papel que xa están a xogar as nosas empresas no país”, expón o director do Igape, que lembra que no marco do Foexga o Goberno galego xa ten impulsado outras misións comerciais en México, en sectores como o da alimentación, as TIC, ou o téxtil, das que se teñen beneficiado máis dun centenar de empresas galegas.

Agora o Foexga busca adaptarse á situación do comercio derivada da pandemia, así como ás medidas de protección. Deste modo, estase a favorecer a participación de empresas en misións comerciais directas, feiras internacionais e eventos promocionais, tanto de modo presencial, como é o caso, como virtual.