O titular do Goberno galego participou esta mañá na xornada O reto da transición enerxética nas empresas de Galicia

Feijóo destaca que a metade dos proxectos de Galicia aos Next Generation están orientados cara a unha transición enerxética xusta, planificada e que garanta a cohesión

Salienta que a Comunidade ten deseñado un Polo para a Transformación de Galicia que aspira a implantar proxectos tractores en xestión sostible dos bosques, un centro de economía circular, recuperación do rural, xeración de hidróxeno verde e implantación dunha maior potencia renovable

Alerta novamente das consecuencias dunha transición abrupta, que só na comunidade pon en perigo a continuidade de 16.500 empregos de sectores estratéxicos

Afirma que a Xunta seguirá promovendo unha industria transformadora: facilitando a súa implantación coa Lei de simplificación administrativa e a nova Lei de áreas empresarias; axudando á reactivación, con novas rebaixas de impostos; e cuns orzamentos que destinan 2.600M€ para acelerar a recuperación

A Coruña, 26 de novembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a metade dos proxectos de Galicia aos fondos europeos Next Generation están orientados cara a unha transición enerxética xusta, planificada e que garanta a cohesión; “estamos a falar de 12.800 millóns de euros”, precisou.

Con este fin, recordou que a Comunidade ten deseñado un Polo para a Transformación de Galicia que aspira: a implantar proxectos tractores en xestión sostible dos bosques, un centro de economía circular, recuperación do rural, xeración de hidróxeno verde e implantación dunha maior potencia renovable; a mobilizar máis de 3.000 millóns de euros nos tres primeiros anos; a crear máis de 30.000 empregos; e a evitar máis de 2,9 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro.

“Galicia quere achegar as súas ideas ao futuro”, dixo, subliñando que é a terceira comunidade que máis reduciu as súas emisións -un 24%-, por riba incluso dos niveis doutros países europeos; ademais de contar cunha Estratexia de cambio climático e enerxía, na que xa ten investido 317 millóns de euros, no seu primeiro ano de vixencia.

Durante a súa participación na xornada O reto da transición enerxética nas empresas de Galicia, Feijóo aproveitou o acto para alertar novamente das consecuencias dunha transición abrupta, que só na comunidade galega pon en perigo a continuidade de 16.500 empregos de sectores estratéxicos, referíndose aos problemas que atravesan industrias como Alcoa, Alu Ibérica, Ence, Vestas ou a central térmica das Pontes, ao igual que anteriormente xa se ten producido co peche da central de Meirama en Cerceda.

Nesta mesma liña, referiuse á Lei de Cambio Climático que pon en cuestión moitas das instalacións da cadea mar-industria, nas costas galegas.

Fronte a unha actualidade marcada polo prezo da electricidade, a suba dos combustibles, os problemas de subministración en distintas cadeas de valor, as subas fiscais no Estado, reformas das pensións e un marco máis ríxido no mercado de traballo, o titular da Xunta aseverou que o Goberno galego seguirá traballando para promover unha industria transformadora: facilitando a súa implantación coa Lei de simplificación administrativa e a nova Lei de áreas empresarias; axudando á reactivación, con novas rebaixas de impostos; cuns orzamentos que destinan 2.600 millóns de euros para acelerar a recuperación; e impulsando o novo modelo enerxético.

Sobre este último punto, destacou a creación dun polo enerxético innovador para promover distintas enerxías; a potenciación dunha planificación ordenada do sector eólico e a análise do potencial en eólica mariña; ou o impulso de instalacións renovables na comunidade.

Feijóo concluíu resaltando tamén a aposta da Comunidade pola mobilidade eficiente, cunha nova Estratexia galega de mobilidade sostible na que xa está a traballar para promover un transporte de futuro e con baixas emisións.

Imaxes relacionadas