O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participa na inauguración da 14ª edición de Culturgal que se celebrará ata o domingo en Pontevedra

Román Rodríguez salienta a fortaleza da cultura galega e compromete todo o apoio para retomar o crecemento en 2022

Confía no avance da situación sanitaria para deixar atrás a fase de resistencia e reactivación dos últimos meses

Avanzou que medidas específicas para manter a programar e xerar emprego que se acompañará cun incremento do 6% nos orzamentos para a cultura

Refírese ao momento de “consolidación e expansión” do sector, que ten o seu reflexo na nova edición de Culturgal, “onde se visibilizarán moitos dos proxectos que puideron saír adiante estes meses e se porá foco nos plans de futuro”

Este ano, a Xunta refórzase como patrocinador principal e, ademais da súa achega económica, incorpora unha vintena de actividades ao programa do encontro

Presentarase as programacións culturais do Goberno autonómico para 2022, os proxectos que se están a desenvolver no ámbito dos videoxogos e o impulso ao sector do cinema no Hub Audiovisual da Industria Cultural, entre outras

Os visitantes poderán achegarse ao expositor institucional toda a fin de semana

Pontevedra, 19 de novembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia para que a cultura galega retome a senda do crecemento en 2022 a través de medidas que completen as levadas a cabo desde o inicio da pandemia e que permitirán manter a programación e o emprego e adaptarse a novos escenarios.

O titular de Cultura da Xunta fixo estas declaracións durante a inauguración da 14ª edición de Culturgal, que se celebra ata o domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra e na que a Xunta se reforza como patrocinador principal. Durante o acto, Román Rodríguez expresou que confía no avance da situación sanitaria para deixar atrás a fase de resistencia e reactivación dos últimos meses.
Referiuse ao investimento de 42M€ que a Xunta de Galicia destinou á reactivación do sector cultural ao longo deste ano, así como ás axudas directas e empresas e profesionais, coa posta en marcha de ata tres plans de rescate desde o inicio da pandemia, converténdose na primeira comunidade en contar con el. “Todo este apoio, sumado ao inxente traballo do noso sector cultural deu e segue dando os seus froitos e hoxe a cultura galega mira ao presente e futuro con optimismo”, declarou.

Mellora da situación

Neste sentido, recordou os datos do último informe sobre a conxuntura estatística no ámbito cultural do Consello da Cultura galega que apuntan a unha mellora da situación no sector en clave pospandemia. Román Rodríguez salientou a creación de novas empresas culturais, que supera os niveis do ano 2019, e os indicios de recuperación do emprego e do consumo cultural aos que alude o estudo como síntoma de avances de futuro. “Somos unha das catro únicas comunidades que está incrementando a súa masa laboral no ámbito cultural fronte á redución que se aprecia no conxunto de España”, expresou.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade salientou que todo este esforzo colectivo vai ter continuidade en 2022 co obxectivo de continuar coa recuperación pero apostar tamén por retomar a senda de crecemento do momento prepandémico. “Desde a Xunta seguiremos apoiando, ao igual que o fixemos nos peores momentos, ao sector cultural, cun incremento do 6% nos nosos orzamentos e medidas específicas de apoio que contribúan a manter a programación e xerar emprego, algo que visibilizaremos durante esta edición de Culturgal”, indicou.
Román Rodríguez valorou que a nova edición de Culturgal volva este ano ao seu formato de primar a presenza, a interacción e o intercambio profesional. A Xunta, ademais da súa contribución económica, recupera o seu expositor físico como punto de encontro para o público e programa unha vintena de actividades que se incorporan ao intenso calendario da programación deste evento.

Centro Dramático Galego o venres

Así, tras a inauguración de hoxe, as actividades organizadas pola Xunta de Galicia en Culturgal darán comezo xa pola tarde, cunha presentación a cargo o director das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e mais do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez, centrada na xestión da compañía pública durante os meses de pandemia, incidindo no papel dinamizador da escena galega desenvolvido pola unidade teatral da Xunta.

Así, ao longo de 2020 e 2021 o CDG produciu catro espectáculos propios e 18 en coprodución, o que supuxo superar as 400 representacións e chegar a máis dun cento de concellos galegos. Ademais, reforzouse a súa proxección fóra de Galicia, levando as producións propias a Portugal, Turquía, Arxentina e Uruguai, e participando en coproducións que sumaron máis de 90 funcións en diversas provincias de España. No acto estarán presentes tamén Cándido Pazó e Marta Pazos, responsables da dirección escénica dos vindeiros espectáculos A peste e Ás oito da tarde, cando morren as nais.

Programación da fin de semana

Durante a xornada do sábado, a actividade da Xunta de Galicia incluirá a entrega do VII Premio Literario Nortear, un relatorio arredor do Bono Cultura -a iniciativa programa de descontos en produtos e servizos culturais que o Goberno autonómico ten en marcha para incentivar o consumo e apoiar ao sector neste outono cultural- así como outro sobre a programación cultural para 2022. Durante a tarde porase o foco en proxectos moi destacados como os videoxogos, un sector para o que o Goberno autonómico levará a cabo medidas específicas o vindeiro ano. Tamén haberá espazo para as propostas editoriais co apoio da Xunta como o libro promovido pola Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cornellá ou a obra Misarela, de Rodrigo Costoya e e de Editorial Galaxia, entre outras

O programa de residencias artísticas e de exposicións na Cidade da Cultura abrirán a programación da Xunta o domingo, cando tamén se abordará a importancia do Hub Audiovisual da Industria Cultural a iniciativa para apoiar ao sector a través de liñas de axuda e programas da que se están a ver os primeiros resultados coa rodaxe en Galicia da serie de televisión Rapa, de Portocabo e Movistar+..

O domingo presentaranse varios traballos realizados no ámbito dixital, como o proxecto Nós de Intelixencia Artificial a iniciativa en colaboración coa USC, para que os sistemas de voz poidan recoñecer e interactuar en galego, propiciando a súa presenza nos novos desenvolvementos tecnolóxicos, ou o espazo virtual isaacdiazpardo.gal.

Actividades presenciais e transmisión en directo

Un ano máis, a Xunta de Galicia é o patrocinador principal de Culturgal. Nesta edición o de xeito global haberá un cento de actividades, entre presentacións, faladoiros, proxeccións cinematográficas, obradoiros, concertos e representacións escénicas, ademais de tres exposicións. Estas citas distribuirase por temáticas arredor dos espazos Foro, Libro, Cinema, Infantil, Auditorio e Arte Contemporánea, entre outros.

Imaxes relacionadas