A Xunta inviste preto de 45.000 euros na rehabilitación do forno tradicional da Caridade, en Monterrei

José González salientou que este tipo de investimentos apostan pola defensa e promocións dos valores culturais do pobo galego, actuando no fomento e promoción da cultura e na protección, conservación e difusión do patrimonio cultural

Monterrei (Ourense), 27 de novembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá na inauguración do forno tradicional da Caridade, ubicado no concello de Monterrei, que foi rehabilitado cunha axuda da Consellería de case 45.000 euros.

O conselleiro salientou que este tipo de proxectos permiten defender e promocionar os valores culturais do pobo galego, actuando no fomento e promoción da cultura e na protección, conservación e difusión do patrimonio cultural. Desta forma, engadiu, mellóranse os servizos educativos, culturais e de ocio que fan do medio rural un lugar máis atractivo e con diversificación económica.

Neste caso concreto, José González explicou que se recuperou un elemento da arquitectura tradicional e popular galega e, por tanto, do patrimonio rural, ademais de poñer en valor a tradición de elaborar pan en forno de leña e a costume social que esa actividade leva implícita.

As obras de rehabilitación consistiron na rehabilitación da edificación de pedra e a restauración do propio forno, así como o retellado e o acondicionamento das escaleiras interiores e exteriores. Tamén se rozou e se preparou o terreo exterior da edificación e se acondicionou os accesos de entrada. Por último, arranxouse todo o sistema eléctrico e de alumeado, tanto interior coma exterior.
 

Imaxes relacionadas