A Xunta concede os premios de ESO ao esforzo e á superación persoal de 20 estudantes
Valoran a capacidade de superación do alumnado que cursa 4º de Secundaria fronte ás dificultades, ben sexan de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural
Un total de 20 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) veñen de resultar galardoados cos premios da Xunta de Galicia ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2020/21, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia.
Estes galardóns que cada ano convoca a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, recoñecen a capacidade de superación destes alumnos que estudaron nese curso 4º de Secundaria e conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado. Para tal fin, a Consellería destina un total de 16.000 euros para estes premios a razón de 800 euros por cada un dos 20 galardóns que se conceden.
Cómpre subliñar que o obxectivo final destes galardóns é que os premiados sexan un exemplo para compañeiros e compañeiras en situacións similares, poñendo en valor o especial esforzo que supón acadar o éxito na escola para os estudantes que proceden de contornos socioculturais desfavorecidos, de contornos familiares disfuncionais, en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal ou a súa inserción social.
Relación de centros con estudantes galardoados:
PROVINCIA | CONCELLO | CENTRO |
A CORUÑA | A CORUÑA | IES Agra do Orzán |
A CORUÑA | A LARACHA | IES Agra de Leborís |
A CORUÑA | ARTEIXO | IES de Pastoriza |
A CORUÑA | BOIRO | IES Plurilingüe A Cachada |
A CORUÑA | CAMBRE | IES David Buján |
A CORUÑA | CULLEREDO | IES Eduardo Blanco Amor |
A CORUÑA | NEGREIRA | IES Xulián Magariños |
A CORUÑA | SADA | IES Isaac Díaz Pardo |
A CORUÑA | SAN SADURNIÑO | CPI de San Sadurniño |
LUGO | MONFORTE DE LEMOS | IES Río Cabe |
LUGO | VILALBA | IES Santiago Basanta Silva |
OURENSE | O CARBALLIÑO | CPR Plurilingüe Sagrado Corazón |
PONTEVEDRA | CALDAS DE REIS | CPI Plurilingüe Alfonso VII |
PONTEVEDRA | MORAÑA | CPI Plurilingüe Santa Lucía |
PONTEVEDRA | PONTEVEDRA | IES A Xunqueira I |
PONTEVEDRA | SILLEDA | IES Plurilingüe Pintor Colmeiro |
PONTEVEDRA | TOMIÑO | IES Antón Alonso Ríos |
PONTEVEDRA | VIGO | IES Valadares (2 alumnos premiados) |
PONTEVEDRA | VIGO | CPR Plurilingüe Escuelas Nieto |