O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou esta mañá o certame, que se desenvolverá en Santiago ata o vindeiro venres
Comezan as catas dos meles e dos queixos de Galicia que organiza a Xunta cos consellos reguladores
No concurso dos queixos participarán un total de 30 queixerías pertencentes ás catro denominacións de orixe protexida con 51 mostras
Na cata dos meles competirán 25 industrias, que inscribiron un total de 43 meles nas categorías de monoflorais, multiflorais e mel de bosque, sendo esta última categoría unha novidade no certame
Dous paneis de cata formados por 7 expertos cada un serán os encargados de elixir totalmente a cegas os mellores queixos e meles de Galicia
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou esta mañá no compostelán hotel Quinta da Auga a XX Cata dos Meles de Galicia e a XXIV Cata dos Queixos. Este evento agroalimentario está organizado pola devandita axencia, dependente da Consellería do Medio Rural, en colaboración cos diferentes consellos reguladores da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e das catro denominacións queixeiras de Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro.
Neste acto, José Luis Cabarcos destacou a calidade contrastada e o prestixio acadado por estas producións agroalimentarias galegas en particular e por todas as amparadas por consellos reguladores de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas na nosa comunidade, así como o alto nivel de todas as mostras participantes na edición deste ano.
Nas catas competirán, entre hoxe e o vindeiro venres, un total de 30 queixerías pertencentes ás catro denominacións de orixe protexida con 51 mostras distribuídas entre a DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa e a categoría Arzúa-Ulloa curado, DOP San Simón da Costa e DOP Cebreiro nas categorías fresco e curado.
Mel de bosque
No que atinxe aos meles, concursarán 25 industrias, que inscribiron un total de 43 meles nas categorías de monoflorais, multiflorais e mel de bosque. Esta última categoría estréase este ano na cata oficial, tras a modificación do prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida no pasado ano. O seu espectro polínico correspóndese coas plantas características da vexetación galega, destacando a presenza do castiñeiro, as silveiras, os toxos ou as xestas.
O concurso, como vén sendo habitual, farase baixo a modalidade de “cata a cegas”, que consiste en que os catadores descoñecen en todo momento a que elaborador pertence o produto que están a avaliar. Para conseguir iso, a organización estableceu un sistema de identificación que garante o anonimato das mostras durante todo o proceso, de xeito que os queixos e meles premiados non se coñecerán ata o día da entrega dos premios, evento xa consolidado no calendario gastronómico galego.
En canto ao panel de cata -integrado por 14 expertos, sete polos queixos e sete polos meles-, este conformouse de acordo coas propostas dos consellos reguladores e do sector baixo a supervisión da Consellería do Medio Rural. Para a selección dos expertos tivéronse en conta criterios como a súa formación; coñecemento no sector; experiencia en catas; representación de asociacións de restauradores e catadores; ou relacionados coas seccións de gastronomía de distintos medios de comunicación galegos e estatais, e membros do panel de cata dos consellos reguladores.