O conselleiro do Medio Rural visitou esta tarde os catadores do panel deste certame, que se celebra ao longo da semana no hotel compostelán Quinta da Auga
A Xunta salienta que as catas dos queixos e dos meles poñen en valor a excelencia destas producións en particular e das do agro galego en xeral
José González salientou a profesionalidade do panel de cata deste concurso, formado por un total de 14 expertos, que elixirán totalmente a cegas aos mellores queixos e meles de Galicia nesta edición
Nestas catas dos queixos participan 30 queixerías das catro denominacións de orixe protexida con 51 mostras e na dos meles concursan 25 industrias, que inscribiron 43 meles nas categorías de monoflorais, multiflorais e mel de bosque, nova este ano
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou esta tarde os catadores da denominación de orixe protexida Queixo Tetilla no marco da XXIV Cata dos Queixos de Galicia, que se desenvolve no hotel compostelán Quinta da Auga ao longo desta semana.
Nesta visita, o conselleiro salientou a profesionalidade do panel de cata deste concurso, integrado por prestixiosos expertos, entre os que hai docentes, enxeñeiros agrícolas, especialistas no sector lácteo e representantes da distribución alimentaria. Ademais, José González referiuse á “extraordinaria calidade” dos queixos galegos amparados con denominacións de orixe (San Simón da Costa, Cebreiro e Arzúa-Ulloa, ademais de Tetilla) e, por extensión, de todas as producións agroalimentarias galegas que contan con selos de calidade diferenciada. Engadiu que esta excelencia ponse de manifesto tamén co “altísimo nivel” das 51 mostras de 30 queixerías participantes neste certame.
O conselleiro fixo extensivo este recoñecemento ás 25 industrias de mel galego que inscribiron un total de 43 rexistros nas categorías de monoflorais, multiflorais e mel de bosque, para competir na XX Cata dos Meles de Galicia, que tamén se celebra esta semana en Santiago. Nesta liña, González destacou que esta última categoría -mel de bosque- estréase este ano na cata oficial, tras a modificación do prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida no pasado ano, e vén enriquecer -indicou- o propio concurso.
Este certame agroalimentario está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, en colaboración cos diferentes consellos reguladores da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e das catro denominacións queixeiras de Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro.
Anonimato das mostras
O proceso desenvólvese na modalidade de “cata a cegas”, que consiste en que os catadores descoñecen en todo momento a que elaborador pertence o produto que están a avaliar. Para conseguir iso, a organización estableceu un sistema de identificación que garante o anonimato das mostras durante todo o proceso, de xeito que os queixos e meles premiados non se coñecerán ata o día da entrega dos premios, evento xa consolidado no calendario gastronómico galego.
En relación co panel de cata -formado por 14 expertos, sete polos queixos e sete polos meles-, elaborouse de acordo coas propostas dos consellos reguladores e do sector baixo a supervisión da Consellería do Medio Rural. Para a selección dos especialistas tivéronse en conta criterios como a súa formación; coñecemento no sector; experiencia en catas; representación de asociacións de restauradores e catadores; ou relacionados coas seccións de gastronomía de distintos medios de comunicación galegos e estatais, e membros do panel de cata dos consellos reguladores.