Os directores xerais de Defensa do Monte e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o responsable da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participaron na Comisión 7ª
A estratexia da Xunta para o viño márcase como obxectivo incrementar en dez puntos as vendas no mercado internacional
José Luis Cabarcos sinalou que un dos eixos desta estratexia pasa por lograr un equilibrio da presenza dos viños galegos nas distintas canles de comercialización, apostando pola internacionalización, pero sen esquecer o mercado nacional
O director xeral de Defensa do Monte explicou que a Xunta actuou desde o primeiro momento tanto para avaliar o dano sufrido nos solos polo incendio forestal rexistrado en setembro pasado en Ribas de Sil como para atallar esas consecuencias
A estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia márcase como obxectivo, entre outros, o de incrementar en dez puntos en valor a porcentaxe de vendas do viño galego de calidade certificada nos mercados internacionais. Así o trasladou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión na Comisión 7ª do Parlamento.
O responsable da axencia sinalou que un dos eixos da devandita estratexia pasa por lograr un equilibrio da presenza dos viños galegos nas distintas canles de comercialización e, neste sentido, apóstase pola internacionalización como mecanismo de crecemento do sector, sen esquecer o mercado nacional.
Neste sentido, resaltou que na actualidade unha de cada cinco botellas, é dicir, máis do 20% dos viños das denominacións de orixe galegas, saen da nosa comunidade con destino ao mercado internacional e destacou especialmente que saen cun prezo medio de exportación superior ao conxunto dos españois. En relación co ámbito nacional, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria avanzou que coa estratexia se procurará aumentar o peso dos viños galegos naquelas zonas de España de elevado consumo, onde aínda non se ten unha presenza tan relevante. Nesta mesma liña, José Luis Cabarcos lembrou que a estratexia levouse a cabo mediante un intenso traballo participativo de todos os axentes da cadea de valor do viño e que o seu impacto, que xa se está a percibir, atópase na consolidación do sector nos diferentes mercados, incidindo tamén no enoturismo para converter Galicia nun referente neste eido.
Lume de Ribas de Sil
Pola súa parte, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, explicou que a Xunta actuou desde o primeiro momento tanto para avaliar o dano sufrido nos solos polo incendio forestal rexistrado en setembro pasado na localidade luguesa de Ribas de Sil como para atallar esas consecuencias. Así, advertiu que xa o propio día 9 de setembro, mesmo antes de darse por extinguido este lume, persoal técnico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán efectuaron dita avaliación e constataron que a área incendiada rexistrou unha severidade da vexetación moderada, porque a folla morta caída das árbores ofreceu unha protección ao chan. Nas áreas desprotexidas a afectación foi maioritariamente baixa.
Con respecto ás medidas correctoras adoptadas, o director xeral trasladou que a aplicación de palla para protexer os solos queimados tivo lugar xa na segunda quincena do mesmo mes de setembro e foi realizada por persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais. Engadiu que diferentes estudos realizados e Galicia e noutras latitudes teñen demostrado que a sementeira non é unha técnica eficaz para protexer os solos queimados fronte a erosión e que a reforestación con árbores autóctonas nesta zona non sería posible debido ás súas características orográficas e edafolóxicas.
Outros asuntos
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén se referiu á cesión da parcela de Bos, en Guísamo, dependente da Consellería do Medio Rural, á entidade Proxecto Home deica o ano 2026. Así, sinalando que o convenio coa organización persegue facilitar a formación das persoas atendidas por esta fundación en actividades agrarias, engadiu que Proxecto Home pode realizar -previa autorización da Xunta- obras novas de adaptación ou mellora en dita parcela co obxecto de acondicionar as instalacións, obras que reverterán á comunidade no momento da finalización da concesión.
Canto ao futuro Banco de Xermoplasma, José Luis Cabarcos apuntou que este ano se abordou a redacción do proxecto básico e de execución e que en 2022 comezará a súa construción, financiado con máis de dous millóns de fondos REACT.
Pola súa banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, tratou a situación das reestruturacións parcelarias que se están a abordar, sinalando que este ano se decretaron cinco novas zonas que suman un total 2.611 hectáreas e que se seguirán decretando máis, tendo xa realizado a consulta pública e o estudo previo de iniciación doutras 23 zonas de toda Galicia.
A directora xeral afirmou que entre o ano 2020 e o que levamos de 2021 entregáronse 15 concentracións, cun total 17.144 títulos que beneficiaron 7.101 propietarios. Mentres, séguese traballando nos 96 procesos abertos, dos cales case o 70 % están xa en fase de acordo e no 60 % os propietarios xa poden facer uso das parcelas.