Feijóo enxalza ao arquitecto Antonio Palacios na exposición que amosa os seus “soños de modernidade e compromiso con Galicia”

Avanza que a Xunta está traballando para que a mostra se desprace a Madrid

Vigo, 4 de decembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou este mediodía ao arquitecto Antonio Palacios na exposición que amosa os seus “soños de modernidade e compromiso con Galicia”, e incidiu que entre eses soños de modernidade estaba Vigo.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou que este “galego universal” foi o artífice da arquitectura de Galicia de calidade. “Probablemente non o valoramos como se merece”, asegurou, engadindo que Galicia está intentando devolverlle con esta exposición a débeda de gratitude permanente que temos con el.

Nese sentido, e no que se refire ao seu obxectivo de facer un Gran Vigo, o presidente da Xunta puxo como exemplo desa grandeza desexada obras como o Teatro García Barbón ou o edificio Banca Viñas-Aranda.

Durante o acto, e aproveitando a presenza do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, por ser unha cidade que alberga grandes obras do arquitecto galego, o titular do Goberno galego afirmou que Antonio Palacios é un máis na sucesión de galegos que tenderon pontes con Madrid. Así, avanzou que a Xunta está traballando para que esta exposición, Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, se desprace á capital de España.
 

Imaxes relacionadas