A provincia da Coruña alcanza os 38 concellos emprendedores tras a incorporación de Negreira

O municipio coruñés súmase ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial e impulsar a recuperación económica, ofrecendo máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais

Galicia conta actualmente con 149 Concellos Emprendedores, xa que aos 38 da provincia da Coruña engádense 66 en Ourense, 23 en Pontevedra e 22 en Lugo

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021

Un total de 38 municipios da provincia da Coruña xa son Concellos Emprendedores tras a adhesión de Negreira. Con esta distinción súmase ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.
Galicia conta actualmente con 149 Concellos Emprendedores: aos 38 da Coruña, súmanse 66 na provincia de Ourense, 23 na de Pontevedra e 22 en Lugo. Todos eles recollen o espírito da nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica aprobada a principios deste ano no Parlamento galego e contribúen, así, a implantar unha nova cultura administrativa en Galicia para eliminar trabas burocráticas, intensificar a simplificación dos trámites e apoiar a implantación de novos proxectos empresariais. O principal obxectivo desta iniciativa é trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico e, nese sentido, cómpre sinalar que, como novidade, a nova lei fixa un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta e amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias.

Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia.

O Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa en diversas liñas de axudas destinadas a impulsar a fábrica intelixente, o emprego de calidade e o emprendemento baseado na innovación e no talento. Para iso, establece nestas axudas, que están a ser convocadas en réxime de concorrencia competitiva, un criterio específico.
Os Concellos Emprendedores, pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese por instalarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes. Deste xeito, a colaboración entre as administracións públicas permite avanzar cara a unha Galicia máis competitiva.