A Xunta insta ao Goberno a que tome a iniciativa con respecto a Alcoa e que fixe un marco enerxético competitivo

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, pediu ao Ministerio de Industria que desbloquee a situación, insistindo en que traballadores e administracións precisan coñecer cales son as garantías da proposta para San Cibrao

A solución da empresa é provisional e pasa por deixar de producir aluminio primario en España durante dous anos
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, instou hoxe ao Goberno a que tome a iniciativa para desbloquear a situación de Alcoa e para que esta compañía explique a letra pequena da proposta para a planta de San Cibrao. Neste sentido, apuntou que traballadores e administracións precisan coñecer cales son as garantías e se se trata dun plan viable que garanta o mantemento do emprego, tanto na propia planta como na industria auxiliar.

Paula Uría sinalou tras a reunión celebrada hoxe, na que participaron tamén representantes do Ministerio de Industria, do comité de empresa e dos sindicatos, que ata que exista un prezo eléctrico competitivo e un marco enerxético estable será imposible garantir unha solución. Neste sentido, o prezo final do MWh para as electrointensivas é de preto de 120 euros, case 60 euros máis que en Francia e 36 euros máis que en Alemaña.

A representante da Xunta na reunión fixo fincapé en que agora é preciso escoitar a proposta de Alcoa, pero sabendo que a solución que poña fin a esta situación está en mans do Goberno fixando un marco enerxético axeitado. “O que lle trasladamos ao Goberno é que tome as rendas e que garanta, cos instrumentos que pode poñer enriba da mesa, ese marco eléctrico estable, e que se convoque esa mesa industrial para escoitar a Alcoa e ver se existe un plan industrial que con ese marco eléctrico estable poida garantir o futuro da planta de aluminio de San Cibrao”, sinalou a directora xeral.

A solución que propón Alcoa é provisional e pasa por deixar de producir aluminio primario en España durante dous anos. Así, en plena escalada de prezos das materias primas, importaríase aluminio de fóra en lugar de fabricalo en Galicia.