O conselleiro do Medio Rural respondeu no Pleno do Parlamento unha pregunta sobre a produción de castaña nas provincias de Lugo e Ourense

A Xunta deulle prioridade a 45 concellos galegos para levar a cabo a recuperación e mellora de 2.000 hectáreas de soutos de castiñeiros ata o ano 2025

José González reiterou a importancia de recuperar os soutos fomentando as ferramentas de xestión conxunta, un eido no que se vai incidir, “aínda máis se cabe, co futuro Programa do castiñeiro e da castaña”, remarcou

Explicou tamén a batería de medidas adoptadas diante dos primeiros síntomas de doenzas na produción deste froito por afeccións fúnxicas, tales como o despregue de técnicos sobre o terreo, a toma de mostras e as recomendacións para os silvicultores
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

Galicia conta xa con 45 concellos priorizados para levar a cabo traballos de recuperación e mellora en 2.000 hectáreas de soutos de castiñeiros ata o ano 2025, tal como establece o Plan Forestal e atendendo ás ferramentas da Lei de recuperación, no marco do Plan de recuperación destes espazos tradicionais. Así o trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, este mediodía no Pleno do Parlamento, en resposta a unha pregunta sobre a produción de castaña nas provincias de Lugo e Ourense.

O conselleiro explicou que, para dar prioridade a estes soutos, tivéronse en conta por parte da Xunta diferentes criterios, como son o seu grao de despoboamento, a superficie total dos soutos, a súa representatividade, a existencia de solicitudes de castiñeiros na Manifestación de Interese publicada pola Consellería do Medio Rural e a súa inclusión nos plans de tratamento para combater a avespiña do castiñeiro ou a enfermidade do cancro.

Neste contexto, José González reiterou a importancia de recuperar os soutos fomentando as ferramentas de xestión conxunta, un eido no que se vai incidir, “aínda máis se cabe, co futuro Programa do castiñeiro e da castaña”, remarcou. Farase, engadiu, xunto con outros ámbitos como a investigación, a transferencia e o apoio ao sector dos viveiros, así como o desenvolvemento e revitalización de recursos e aproveitamentos coa intensificación das medidas de control fitosanitario e loita biolóxica.

Activación de medidas

Nesta liña, o conselleiro indicou tamén que a previsión da colleita de castaña desta campaña era excelente, pero que a partires da primavera comezouse a detectar unha sintomatoloxía nos castiñeiros cunha afectación que estaba a provocar a perda do froito. E advertiu que diante da máis mínima presenza destes síntomas activáronse diferentes medidas, como o despregue de técnicos de Medio Rural sobre o terreo, co fin de facer un diagnóstico.

Tamén se tomaron mostras das follas, dos ourizos e das castañas, así como da madeira en ata seis concellos afectados (Viana do Bolo, Castrelo de Val, A Mezquita, Vilardevós, A Gudiña e Riós). Posteriormente estas mostras foron remitidas á Estación Fitopalóxica do Areeiro, para a súa análise e a información resultante desta análise confirmou a presenza de varios complexos fúnxicos e insectos minadores do castiñeiro. Entre as afeccións máis preocupantes, atopáronse ataques de gnomoniose. Esta doenza ten consecuencias tan importantes como a defoliación do castiñeiro, a aparición de froitos secos e a súa caída prematura.

Por iso, e malia que ante a climatoloxía adversa se conta con pouca marxe de actuación, a Xunta activou a Rede de Avisos Fitosanitarios publicando e difundindo a correspondente alerta, na que consta tanto a descrición do fungo como a sintomatoloxía provocada. Ademais, foron trasladadas unha serie de iniciativas estratéxicas para minimizar os danos ocasionados polo fungo, como son a eliminación dos restos do castiñeiro caídos sobre o chan e, de maneira particular, a retirada de ourizos afectados. A maiores, o conselleiro sinalou que nestes intres estanse a estudar outras posibles actuacións, co fin de facer máis resilientes os soutos galegos. Entre elas, mencionou a busca de pés de Castanea sp. resistentes á doenza ou a utilización de determinadas bacterias e fungos que poidan actuar como antagonistas contra a gnomoniose.

Mostraxe

Por outra banda, José González indicou que durante este mes de decembro e ata comezos de 2022 vanse montar ata 28 novas parcelas de mostraxe, distribuídas nos soutos de maior interese. Con elas, chegarán a ser un total de 41 as parcelas localizadas nestas masas forestais, co fin último de avaliar a situación sanitaria sobre o terreo.

Por último, o conselleiro lembrou que só no 2021 a Xunta destinou preto de 2,6 millóns de euros á saúde e sanidade dos soutos e que en novembro pasado presentouse o Programa estratéxico do castiñeiro e da castaña, que integra medidas de control fitosanitario e loita biolóxica e que, entre outras actuacións, contempla a promoción do aproveitamento conxunto dos terreos. Trátase, concluíu, de manter a propiedade dos soutos nos habitantes das aldeas, con fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo que permitan o agrupamento para a súa xestión conxunta, coa dobre finalidade de dotar os silvicultores de capacidade de respostas ante conxunturas adversas e de aumentar a rendibilidade dos recursos producidos nestes terreos, precisamente da man dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria.

Imaxes relacionadas