O presidente do Goberno galego reuniuse hoxe con José Blas García Piñeiro

Feijóo aborda co alcalde de Ames a evolución de proxectos de interese para o municipio, como a mellora do saneamento

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Ames, José Blas García Piñeiro, a mellora da rede de saneamento do municipio e, en concreto, a ampliación da EDAR de Sisalde.

Logo de lembrar que esta obra está incluída no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa cun orzamento estimado de 5,5 millóns de euros, Feijóo trasladoulle ao rexedor a posibilidade de incrementar ese financiamento de ter que actuar tamén nos colectores. Nese caso, avogou por unha busca conxunta de financiamento, como optar aos fondos Next Generation ou ao Feder do seguinte período.

No tocante á educación, o presidente da Xunta valorou que nos próximos dous anos está prevista a construción dun novo CEIP no Milladoiro –cun orzamento de 4,5 millóns de euros- e a ampliación do CEIP Agro do Muiño con 6 novas aulas.

A maiores, Feijóo fixo fincapé nas melloras levadas a cabo nas infraestruturas sanitarias do municipio, como o novo centro de saúde do Milladoiro ou a reparación do ambulatorio de Bertamiráns.

Imaxes relacionadas