Feijóo anuncia que a Xunta autoriza a licitación das obras do novo centro integral de saúde Olimpia Valencia en Vigo cun investimento de 12,8 M€

Di que permitirá unificar a atención sanitaria no barrio das Travesas e incrementará os servizos de Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta autorizou a licitación das obras do novo centro integral de saúde Olimpia Valencia en Vigo cun investimento de 12,8 millóns de euros.

Este centro, que conta xa cunha partida de 2,3 millóns de euros nos orzamentos de 2022 para iniciar as obras, “permitirá unificar a atención sanitaria no barrio das Travesas e incrementará os servizos de Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia”, aseverou Feijóo.

Logo de incidir en que este novo centro beneficiará a 42.000 cidadáns, o presidente da Xunta explicou que a nova instalación sanitaria contará con: área de urxencias, 20 consultas de medicina, 20 de enfermería, 8 consultas pediátricas e 8 de enfermería pediátrica, 2 consultas de odontoloxía, área de rehabilitación e unha base do 061.

Feijóo lembrou que é a primeira obra que se licita do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que suporá a posta en marcha de 37 novos centros de saúde, a ampliación ou reforma doutros 14 e beneficiará de xeito directo ao 25% da poboación galega.

Ademais, o presidente da Xunta puxo en valor que o investimento na área de Vigo permitiu construír tres novos centros -San Paio de Navia, Bouzas e Taboada Leal- e tres reformas –Lavadores, Coia e rúa Cuba-. A isto súmanse outros cinco novos centros -Tui, Oia, Panxón, Gondomar e Salceda de Caselas- e dúas reformas –Tomiño e Pazos de Borbén- no resto da área sanitaria.

Imaxes relacionadas