O presidente da Xunta visitou a finalización das obras do edificio público Espazo Amizar

Feijóo sinala o Espazo Amizar como unha das obras singulares da Coruña que acollerá os principais servizos públicos tras un investimento de 7 M€

Destaca que este complexo traslada o que quere facer a Xunta en Galicia e que o Goberno galego aforraralle aos cidadáns 750.000 euros ao ano no aluguer de sedes na Coruña

Lembra os máis de 400 millóns de euros que a Xunta investirá no Novo CHUAC, “a obra pública máis importante nos últimos anos na cidade”, e que dará servizo a máis de medio millón de veciños de toda a área

Recorda que Valeriano Martínez foi o impulsor deste edificio e asegura que cando se inaugure o gustaríalle que a placa levase o nome do conselleiro de Facenda in memoriam

A Coruña, 17 de decembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, sinalou o Espazo Amizar como unha das obras singulares, desde o punto de vista arquitectónico, que se fixo na cidade da Coruña nos últimos anos e que acollerá os principais servizos públicos, tras un investimento de 7 millóns de euros.

Destacouno na visita que realizou esta mañá á finalización das obras deste edificio da Administración autonómica na cidade herculina, Espazo Amizar, un complexo de máis de 6.300 metros cadrados que, entre mediados e finais xaneiro, comezará a recibir xa uns 280 empregados das consellerías de Emprego e Igualdade e de Política Social. Do mesmo xeito, e no que respecta á entrada das entidades sen ánimo de lucro, o presidente da Xunta explicou que se convocará un concurso público para que poidan ocupar os 12 locais dispoñibles.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou que o Espazo Amizar amosa o que é A Coruña: “unha cidade vangardista, moderna e aberta”, e tamén incidiu en que os nomes dos seus edificios -o óvalo e o prisma- non só son figuras de tres dimensións senón que cumpren tres obxectivos. Desta maneira, falou da dimensión pública do complexo, porque é patrimonio posto á disposición dos coruñeses; da dimensión institucional e da dimensión social, dado que será o lugar para diversas asociacións e colectivos.

Neste sentido, o titular do Goberno galego sinalou que o Espazo Amizar traslada o que quere facer a Xunta en Galicia. “Podemos facer novas infraestruturas co diñeiro que aforramos de infraestruturas espalladas e alugadas en distintas localizacións das cidades galegas”, asegurou, referíndose a que o Goberno galego aforraralle aos cidadáns 750.000 euros ao ano no aluguer de sedes na Coruña. Deste xeito, falou da liña patrimonial posta en marcha pola Xunta baseada en políticas patrimoniais sen incrementar o gasto e investindo o diñeiro de gasto de alugueres en edificios de titularidade da Xunta rehabilitados.

Feijóo fixo fincapé no obxectivo da Xunta de que a arquitectura institucional mande unha mensaxe aos cidadáns de que non é máis custoso facer edificios correctos, porque a medio prazo resultan máis económicos e a longo prazo dan máis caché á cidade, poñendo como exemplo este Espazo.

Ademais, explicou as tres actuacións que se levaron a cabo neste edificio. Por unha banda, a rehabilitación integral do espazo administrativo da Xunta para erguer este novo complexo de servizos, que se reparte entre: o edificio prisma, con planta rectangular de 5 alturas; e o edificio óvalo, de 4 alturas, que estarán conectados por unha zona de paso, e compartirán un salón de actos. En segundo lugar, desenvolveuse a rehabilitación da antiga base medicalizada para convertela na futura sede de Urxencias Sanitarias do 061. E xa por último, leváronse a cabo traballos de urbanización exterior, coa creación dunha praza común, accesos independentes e zona de aparcamento.

Un Novo CHUAC para máis de medio millón de veciños

Feijóo aproveitou para lembrar que a Xunta é a administración que se encarga de acompañar ao galego durante toda a súa vida e que, nese sentido, as infraestruturas sanitarias son unha das prioridades políticas do seu Goberno. Así, lembrou os máis de 400 millóns de euros que a Xunta investirá no Novo CHUAC, “a obra pública máis importante nos últimos anos na cidade”, e que dará servizo a máis de medio millón de veciños de toda a área. Na actualidade, lembrou, está xa en execución a fase 0 cun orzamento de 13 millóns de euros para ampliar as Urxencias ou crear unha nova planta de hospital de día e que espera que se poida entregar no verán.

Unha placa en homenaxe a Valeriano Martínez

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención recordando a Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda recentemente falecido, que foi o impulsor deste edificio e quen escolleu o nome. Así, asegurou que cando se inaugure o edificio gustaríalle que a placa levase o nome do conselleiro in memoriam, lembrando que desde o ano 2009 este distintivos da Xunta só levan a frase “dos galegos de hoxe para os galegos do mañá”.
 

Imaxes relacionadas