A Xunta salienta a importancia da colaboración e o traballo conxunto para o crecemento e a mellora competitiva do tecido empresarial galego

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participou no acto de homenaxe ao asociado que organizou a Asociación Área Empresarial do Tambre

Agradece o traballo desenvolvido polas empresas homenaxeadas, asegurando que son “o camiño a seguir”, e apela á cooperación para que ese camiño chegue o máis lonxe posible

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participou esta tarde no acto de homenaxe ao asociado, desenvolvido na Asociación Área Empresarial do Tambre, onde destacou a importancia da “colaboración e o traballo conxunto” de cara ao crecemento e a mellora competitiva do tecido empresarial galego.

Durante o acto, que permitiu poñer en valor ás 20 empresas que cumpren 25 anos como membros da organización, Guldrís salientou o compromiso da Asociación con Santiago e a fortaleza dos asociados. “As compañías homenaxeadas hoxe sodes o camiño a seguir e correspóndenos a todos traballar para que ese camiño chegue o máis lonxe posible”, precisou.

Un traballo que, como expuxo o director do Igape, no caso das administracións pasa por “apoiar, acompañar e poñer ao dispor das empresas as ferramentas necesarias para identificar novas oportunidades para o avance da nosa industria”.

Neste sentido, destacou a cooperación do Goberno galego co tecido empresarial na súa transformación dixital, con axudas para a dixitalización das pemes ou para a adaptación á situación provocada pola covid-19; na internacionalización, co desenvolvemento dunha nova Estratexia que está a permitir incrementar as exportacións ata valores récord no que vai de ano; no emprendemento e o talento dos máis mozos, coa posta en marcha de novas iniciativas empresariais; ou no financiamento, con investimentos que facilitan ás empresas galegas medrar e ser cada vez máis competitivas.
Neste escenario, Fernando Guldrís apostou por aproveitar a “oportunidade excepcional” que ofrecen os fondos europeos Next Generation con vistas a impulsar a transformación dixital e a transición enerxética, ademais da cohesión social e territorial de Galicia.

Así mesmo, puxo en valor tamén o Polo Biotecnolóxico de Galicia, impulsado no propio polígono da Sionlla e que se enmarca na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía 2021-2025, que aspira a mobilizar máis de 600M€, creando ao redor de 60 novas empresas e 500 empregos.

Este polo –no que participa a Asociación Área Empresarial do Tambre xunto a Cámara de Comercio de Santiago, a Universidade de Santiago, o Concello e a propia Xunta de Galicia–, aspira a industrializar un sector en auxe en Galicia como é o da biotecnoloxía, concentrando todo un ecosistema que axude, facilite e fomente a investigación biotecnolóxica e o nacemento e asentamento de novas empresas.