Feijóo destaca que a Xunta avanzará este mes a súa proposta do Plan Estratéxico 2022-2030 para trasladalo ao Parlamento no vindeiro período de sesións

Salienta que Galicia é a única Comunidade que presenta plans estratéxicos cada catro ou cinco anos

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Consello da Xunta avanzará este mes a súa proposta de Plan Estratéxico 2022-2030 para trasladalo ao Parlamento no vindeiro período de sesións.

“Galicia é a única Comunidade que presenta plans estratéxicos cada catro ou cinco anos”, incidiu Feijóo. E, nesa liña, esta nova estratexia, que comezou a prepararse antes da pandemia e conta coa contribución de máis de 500 expertos, dá continuidade aos plans dos períodos 2010-2014 e 2015-2020.

A maiores, o titular do Goberno galego lembrou que a Xunta leva xa aprobados, entre outros, o Plan Forestal ata 2040, a Estratexia de Turismo ata o 2024, a Estratexia Dixital de Galicia ata 2030 ou a Estratexia de Intelixencia Artificial ata 2030.

No eido da cultura, Feijóo puxo en valor a Estratexia da Cultura Galega e o Plan Estratéxico da Cidade da Cultura ata o ano 2027 que foi presentado recentemente. E tamén salientou a estratexia de arquitectura institucional tanto na educación como nos servizos sociais, o novo plan da Consellería de Política Social para as residencias de maiores e os proxectos de construción de novos centros de saúde esta lexislatura.

Imaxes relacionadas