A Xunta pon en marcha o Plan de Reforma e Ampliación da Rede Aulas CeMIT cun investimento de 22,7 M€ ata 2025

Feijóo salienta que se abordará a transformación física e arquitectónica dos centros para que sexan máis flexibles e adaptados á nova realidade, a instalación de novo equipamento tecnolóxico punteiro e un novo servizo de aula móbil para chegar ao rural

Anuncia que a Xunta vai poñer en marcha unha actuación por 10 M€ para dotar de cobertura móbil a 290 núcleos de poboación no período 2022-2023, despois de que Galicia sexa pioneira en obter o permiso da Comisión Europea para actuar na mellora neste eido con fondos públicos

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que a Xunta pon en marcha o Plan de Reforma e Ampliación da Rede Aulas CeMIT cun investimento de 22,7 millóns de euros ata 2025.

Feijóo salientou que o obxectivo é formar en competencias dixitais a máis de 46.000 galegos nos vindeiros tres anos e lograr que o 70% dos galegos teñan competencias dixitais básicas.

A través da folla de ruta presentada hoxe, investirase na transformación física e arquitectónica dos centros para que sexan máis flexibles ou na instalación de novo equipamento tecnolóxico. Ademais, adaptarase a formación ao marco galego de competencias dixitais se ampliará a Rede con ata 30 novas aulas tras un novo convenio marco que a Xunta asinará coa Fegamp.

O presidente da Xunta resaltou que, nas 97 aulas abertas actualmente en 91 concellos, existen 100.000 persoas usuarias –3 de cada 5 son mulleres— e que a Rede cunha experiencia de máis de 450.000 horas de formación impartidas.

Ampliación cobertura móbil

A maiores, o presidente da Xunta anunciou que a Xunta vai poñer en marcha unha actuación por 10 millóns de euros de fondos públicos para dotar de cobertura móbil a 290 núcleos de poboación de 65 concellos no período 2022-2023.

Feijóo incidiu nos dous anos de traballo do Goberno autonómico orientado a obter permiso da Comisión Europea para investir recursos públicos en mellorar a cobertura e celebrou que Galicia sexa a primeira Comunidade española “e probablemente a primeira rexión europea” en alcanzar ese fito. A decisión chega, tamén, despois da colaboración coa Fegamp e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, que detectaron deficiencias en 65 municipios galegos.

“Isto é interesante para a equidade no territorio. Gañan os usuarios, que empezan a ter unha cobertura axeitada, e gaña Galicia porque se convirte nun territorio máis competitivo”, expresou

Ao abeiro desta iniciativa, o operador público Retegal construirá ata 100 emprazamentos de soporte para poñelos a disposición de todos os provedores.

Finalmente, Feijóo lamentou a falla de cogobernanza que evidencia que nos plans de recuperación do Goberno central destinados á banda ancha, só o 9% dos 4.000 millóns de euros se vaian transferir ás Comunidades, o que deixa a Galicia co 0,5% dos recursos.

Imaxes relacionadas