A Xunta destina 800.000 euros a mellorar as infraestruturas turísticas de 28 concellos rurais de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que o obxectivo “é potenciar o turismo como factor de crecemento económico e de reequilibrio territorial”

Lugo, 29 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo destina 800.000 euros a financiar 28 actuacións de mellora das infraestruturas turísticas noutros tantos concellos da provincia de Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe en Baralla as actuacións realizadas para a recuperación e posta en valor da fonte da Praza Maior, sufragadas cunha achega de 30.000 euros ao abeiro desta convocatoria; estivo acompañado polo alcalde, Miguel González Piñeiro, entre outros.
Arias explicou que se trata de fomentar a recuperación, accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos en concellos de ata 10.000 habitantes cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais, a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística. O obxectivo, apuntou, “é potenciar o turismo como factor de crecemento económico e de reequilibrio territorial”.
Neste sentido, promóvense propostas de creación ou rehabilitación de miradoiros, rutas de sendeirismo, embelecemento de espazos públicos, iluminación ornamental, áreas recreativas, zonas de aparcamento ou para autocaranavas, e reforma de dotacións culturais, entre outras. O importe máximo da achega é do 100% do investimento subvencionable co límite de 30.000 euros, contía que practicamente alcanzaron todos os proxectos lucenses.
No tocante á distribución territorial, no sur da provincia concedéronse achegas por importe total de 180.000 euros para seis proxectos; na Mariña destinouse un orzamento global de 157.700 euros para seis actuacións; a Terra Chá e Meira suman cinco proxectos e 147.300 euros; a comarca de Lugo contabiliza catro propostas e case 120.000 euros; na Montaña rexistráronse tres concesións, con 89.900 euros de orzamento; e A Ulloa e Sarria contan dúas obras en cada caso, con 60.000 e 44.500 euros en achegas respectivamente.
 

Imaxes relacionadas