O stand de Galicia en Fitur recibe o premio como mellor expositor das comunidades autónomas

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, recolleu onte o galardón na última xornada da Feira Internacional de Turismo

O stand conta máis de de 1.000 metros cadrados no que conflúen os valores tradicionais da oferta turística galega coa imaxe dunha Galicia nova en constante transformación, co Camiño de Santiago como eixo central e destacando o botafumeiro de prata como un dos principais atractivos

Desde o mércores acolleu máis de medio cento de presentacións de produtos e destinos turísticos da comunidade unha vintena de catas nunha ducia de espazos expositivos e informativos

No espazo de traballo xestionado polo Clúster Turismo de Galicia mantivéronse preto de 300 encontros profesionais entre entidades públicas e privadas, o que supuxo que prácticamente se recuperara o pulo de xuntanzas profesionais prepandemia
 

Madrid, 23 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

Galicia volveu colleitar éxitos na 42ª edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur) ao manter un dos stands con máis actividade e recuperar practicamente o volume de encontros profesionais no espazo de encontros habilitado no espazo da comunidade. Ademais, o espazo de Galicia en Fitur foi recoñecido pola Feira como Mellor Expositor das Comunidades Autónomas, un premio que o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, recolleu onte e co que se recoñecía un esforzo por presentar unha Galicia como destino aberto ao turismo internacional da man do Xacobeo e co Camiño de Santiago como eixo central.

O stand de Galicia, que ocupa un espazo de máis de 1.000 metros, ofreceu un deseño moderno e de cores vistosas co obxectivo de simbolizar a esperanza e a ilusión coa que Galicia afronta o segundo ano do Xacobeo.

O espazo expositivo contou de novo coa presenza do botafumeiro de prata en tamaño real realizado por ourives hai máis de 60 anos co que, ao igual que en 2021, foi un dos principais atractivos no que se puideron fotografarse os asistentes estes días. Nesta ocasión formou parte dun set que xoga con espellos como símbolo das moitas facianas de Galicia como destino turístico.

Galicia presentou nestes días medio cento de produtos e destinos turísticos e unha vintena de catas nunha ducia de espazos expositivos e informativos. Tamén houbo mostras de produtos enograstronómicos galegos de calidade coa participación de profesionais e de persoal de Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), así como espazos para a exhibición de artesanía en vivo, co apoio de medios audiovisuais e da campaña Camiña a Galicia.

A programación de actividades no espazo de Galicia en Fitur continúa esta fin de semana cun programa de actividades e música galega durante os dous días en que a feira abre as súas portas ao público en xeral.

Encontros profesionais

Ademais, durante estes tres primeiros días dedicados ao sector profesional, o espazo de Galicia na feira volveu contar cun área de traballo xestionada polo Clúster Turismo de Galicia, que recuperou boa parte do ritmo de encontros profesionais prepandemia.

Con preto de 300 reunións entre distintas empresas pertencentes a toda a cadea de valor do turismo de ata cinco países diferentes, destacaron os contactos realizados con Xapón, Brasil, Polonia, México ou Francia para acordos de colaboración a nivel institucional e privado.

Entre os profesionais que asistiron ao espazo de negocios contáronse organizacións públicas como concellos, deputacións ou xeodestinos así como axencias de receptivo ou aloxamentos, co obxectivo de establecer contactos, compartir experiencias, mostrar os seus produtos e articular colaboracións.

A dixitalización e a sustentabilidade foron algunhas das motivacións que puxeron de manifesto os profesionais que empregaron este espazo de negocios, ámbitos nos que Galicia está a redobrar a súa aposta para adaptarse ás tendencias do mercado. Así mesmo, entre as empresas e entidades que se achegaron ata o stand de Galicia detectouse un crecente interese polo enoturismo, o turismo activo, o turismo termal ou o turismo familiar.
 

Imaxes relacionadas