A Xunta destina 13 M€ á contratación de mulleres, parados de longa duración, mozos e persoas con discapacidade para dinamizar o mercado laboral

A Consellería de Emprego e Igualdade convoca hoxe no Diario Oficial de Galicia o programa Galicia Emprega 2022 cun orzamento que aumenta nun 6,5% fronte a 2021

Estas axudas inclúen 500.000 euros que a Xunta destina á contratación de persoal de apoio a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión

As contías base para apoiar a contratación nas empresas oscilarán entre os 2.000 aos 36.000 euros

As solicitudes poden presentarse ata o próximo 30 de setembro

Desde 2015 máis de 8.800 traballadores dos colectivos prioritarios beneficiáronse destes incentivos á contratación e formación que reciben as empresas
 

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022

A Xunta convoca hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova edición do programa Galicia Emprega, co que apoiará a contratación dunhas 1.350 persoas pertencentes a colectivos prioritarios -mulleres, mozas e mozos, persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social e parados de longa duración- para impulsar a súa ocupación e mellorar a súa formación para o traballo. O programa tamén inclúe axudas para a formación e a contratación duns 20 traballadores como persoal de apoio ás persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
A convocatoria conta cun orzamento de 12.950.00 euros, o que supón 800.000 euros máis que en 2021, un aumento do 6,5%, para a contratación por conta allea. Galicia Emprega tamén incorpora unha liña de incentivos ás accións formativas nos centros de traballo, que é opcional. Estes apoios están dirixidos a ofrecer formación ás persoas que se contraten a través das axudas no caso de que a empresa estea interesada en levar a cabo cursos cos que se poidan mellorar os coñecementos e habilidades dos traballadores.
Galicia Emprega, así mesmo, inclúe o programa de emprego con apoio, para contratar a preparadores laborais especializados que leven a cabo actividades de orientación e acompañamento individualizado aos traballadores con discapacidade ou en risco de exclusión social.
As empresas, autónomos e entidades sen ánimo de lucro disporán ata o 30 de setembro para solicitar os apoios.
As contías base para apoiar a contratación nas empresas oscilarán entre os 2.000 aos 36.000 euros, segundo o tipo de contrato, uns apoios que poden incrementarse nun 25% en empresas radicadas en concellos rurais, e na inserción de persoas maiores de 45 anos ou emigrantes retornadas, entre outras.
En canto aos incentivos á formación, irán dos 2.000 aos 4.000 euros, segundo o tipo do contrato e as horas de formación que se impartan.

Emprego con apoio

Con respecto ás axudas do programa emprego con apoio, o Goberno galego sufraga parte dos custos laborais (máximo 8.500 euros anuais) dos apoios ou acompañamento a persoas con parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual e mesmo con discapacidade física ou sensorial, discapacidade auditiva ou persoas en situación ou en risco de exclusión social.

Neste caso trátase de asegurar que estas persoas dispoñen da orientación, asesoramento e acompañamento axeitado no desenvolvemento de habilidades sociais e laborais. Contribúese tamén a fomentar o adestramento específico no posto a desenvolver, a avaliación da inserción e de guiar á empresa sobre as necesidades de adaptación do posto.

O programa de emprego con apoio inclúe, ademais, apoios aos desprazamentos dos preparadores laborais das entidades que subscriban convenios de colaboración cun máximo de 2.500 euros de axuda por preparador.

As contías ao emprego con apoio poderán alcanzar como máximo os 19.125 euros, aumentando ata os 2.500 euros coa axuda para o desprazamento.
Galicia Emprega, en definitiva, favorece o incremento das oportunidades laborais e a redución do desemprego. Desde o ano 2015, este tipo de medidas permitiron apoiar a contratación de máis de 8.800 traballadores destes catro colectivos prioritarios. A Xunta investiu desde entón preto de 55 millóns de euros a esta finalidade.
O programa Galicia Emprega 2022 forma parte dos plans Emprega Xuventude, Muller e Discapacidade-Exclusión Social, que suporán unha contía global superior aos 132M€.
 

Imaxes relacionadas