Galicia reduce as tarifas da Inspección Técnica de Vehículos en preto dun 1,5% para este ano 2022

O acordo alcanzado pola Xunta coa concesionaria supón evitar que os consumidores teñan que asumir o incremento do IPC -do 6,5% en 2021-, ao mesmo tempo que permite encadear dous exercicios consecutivos de baixadas nos prezos

O Goberno galego destaca que tamén recolle melloras na calidade do servizo con novas estacións e o desenvolvemento de proxectos innovadores
 

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia acordou coa empresa concesionaria da Inspección Técnica de Vehículos (ITV), SYC Applus+, a redución das tarifas para este ano nun 1,42%, dentro do compromiso de dar a mellor atención posible ás familias. De feito, con esta medida, os consumidores non terán que asumir o incremento do IPC, do 6,5% en 2021; unha rebaixa final nos prezos que favorece a economía dos fogares ao mesmo tempo que se mantén a calidade do servizo.

Esta redución das tarifas supón, por exemplo, que o novo prezo da ITV periódica para turismos diésel sexa de 46,75 euros, mentres que para motocicletas se quede en 34,54 euros. De feito, de ter aplicado a subida do IPC de 2021, o prezo do servizo se incrementaría entre 2 e 3 euros nestes dous casos. Con este acordo, o servizo encadea dous anos de baixada nas súas tarifas. Ademais, a diferenza do que ocorre noutras comunidades autónomas, cómpre lembrar que en Galicia a segunda revisión do vehículo -cando é necesaria pasala para comprobar que se corrixiron as incidencias detectadas nun primeiro control- é gratuíta.

A Xunta destaca a importancia de prestar un servizo de calidade e que ofreza, cada vez, máis facilidades aos usuarios, ademais de garantir a máxima seguridade posible durante os seus desprazamentos pola rede viaria. Neste sentido, Galicia conta cunha rede de 26 estacións fixas e 10 unidades móbiles para achegar este servizo a toda a cidadanía.
En total, dispón de 87 liñas de inspección que permiten realizar ao redor de 1,8 millóns de controis de vehículos ao ano.

Grazas a este acordo, seguirase traballando nesta liña para ofrecer un servizo máis próximo a todos os galegos e galegas. Por un lado, levándose a cabo novas iniciativas na Comunidade que estean vinculadas ao desenvolvemento de proxectos innovadores. E, por outro, incorporando novas estacións de servizo, tanto fixas como móbiles.

Con esta nova planificación se está dando continuidade ao traballo realizado nos últimos anos, a través da concesionaria, en materia de innovación para mellorar a seguridade viaria e permitir que os vehículos contribúan á sustentabilidade do medio ambiente, xa que a innovación tecnolóxica e a investigación son as claves para contar cunha ITV e cun sector da automoción máis competitivos. Do mesmo xeito que se está tratando de seguir o camiño marcado coas últimas estacións postas en funcionamento en Galicia, como é o caso da Sionlla (Santiago de Compostela) e O Carballiño, que contan cun deseño modular pioneiro en España.
 

Imaxes relacionadas