O presidente do Goberno galego reuniuse con Gonzalo Durán Hermida

Feijóo aborda co alcalde de Vilanova de Arousa a posible construción dun centro de talasoterapia con fondos Next Generation

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida, a planificación e posibles inversións neste concello para os vindeiros anos, con proxectos como a construción dun centro de talasoterapia que se executará unha vez que se dispoña dos fondos europeos Next Generation.

O futuro centro xa conta cos terreos necesarios, situados ao lado da Estación Marítima, e co proxecto básico que consistiría nunha piscina con auga de mar e nun balneario.

Na xuntanza celebrada en San Caetano, o titular do Executivo galego e o rexedor vilanovés tamén abordaron as actuacións para seguir completando a nova senda peonil na PO-549 ao seu paso por Corón, así como para reparar e renovar as beirarrúas nos treitos que presentan algún deterioro. Tamén falaron do proxecto para construír outra senda peonil na marxe dereita da PO-302 e PO-305, un proxecto valorado en máis de un millón de euros.

Aínda en materia de Infraestruturas, plantexouse a posibilidade de facer a senda do río Currás, na parroquia de Caleiro, que partiría desde os muíños de Currás, restaurados recentemente polo concello, e seguiría pola beira do río aproveitando un antigo camiño que usan habitualmente os veciños para achegarse ao centro de Vilanova.

Estas actuacións sumaríanse ás que xa se veñen realizando nos últimos anos, como, por exemplo, a posta en marcha do itinerario peonil e ciclista entre Deiro e a Ponte da Illa de Arousa, ou entre Tarrío e Cores.

En materia de Política Social, valoraron de xeito positivo a entrada en funcionamento das catro casas do maior, que xa comezan a súa actividade en Vilanova de Arousa coa colaboración da Xunta de Galicia e que, actualmente, permite prestar atención diúrna a 20 persoas maiores.

Finalmente, tamén abordaron a situación do sector mexilloeiro, co ánimo de seguir apostando polo diálogo que permita acadar unha solución axeitada para os sectores implicados.

Imaxes relacionadas