20 centros educativos participarán no programa ‘Edureferentes’ para fomentar unha orientación vocacional libre de estereotipos de xénero

Trátase dunha novidosa iniciativa lanzada pola Xunta en colaboración coa Asociación de Executivas de Galicia na que mulleres destacadas en distintos sectores profesionais participarán en charlas e mentorías individualizadas nos colexios e institutos seleccionados

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2022

Un total de 20 centros educativos van participar este curso no EduReferentes, un programa dirixido aos centros educativos públicos co que se busca dar a coñecer o papel de referentes femininas nas aulas e, deste xeito, contribuír a favorecer a igualdade desde idades temperás.

A iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación Executivas de Galicia, está dirixida ao alumnado das etapas de Educación Secundaria Obrigatoria e de Formación Profesional Básica, para que -a través de charlas e sesións de mentorización- teñan a oportunidade de coñecer novas referencias femininas no ámbito profesional e, deste xeito, que a mocidade dispoña de novas ferramentas para unha orientación vocacional libre de estereotipos de xénero.

O programa inclúe charlas e sesións prácticas nas que profesionais referentes galegas de éxito de diversos sectores se achegarán ás aulas para dar a coñecer a súa experiencia a través de encontros e mentorías individualizadas para potenciar as habilidades persoais dos alumnos. Trátase de sesións de 50 minutos onde o alumnado terá a oportunidade de traballar diferentes habilidades sociais e de comunicación baixo a supervisión destas mulleres referentes.

O departamento de Orientación de cada un dos centros adheridos ao programa será o encargado da súa coordinación.

Acompañamento individualizado

No caso das mentorías individualizadas, os centros educativos participantes farán unha selección de cinco alumnos para ser acompañados por unha profesional referente no seu ámbito. A persoa mentora compartirá a súa experiencia e coñecemento ao longo de cinco sesións individualizadas, apoiando o alumnado nas súas fortalezas, habilidades e intereses. Unha vez finalizado o programa, o alumnado mentorizado recibirá un diploma acreditativo.

As charlas terán lugar ao longo do segundo trimestre deste curso mentres que as mentorías realizaranse entre o segundo e o terceiro trimestre.

Listado de centros seleccionados:

PROVINCIA DA CORUÑA
IES Félix Muriel
Rianxo
IES Fernando Esquío
Neda
IES Canido
Ferrol
IES A Pontepedriña
Santiago de Compostela
IES de Brión
Brión
IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas
Oleiros
CPI Armando Cotarelo Valledor
Boimorto
IES Cabo Ortegal
Cariño
IES Saturnino Montojo
Ferrol
PROVINCIA DE LUGO
IES Monterroso
Monterroso
CPI Plurilingüe Tino Grandío
Guntín
PROVINCIA DE OURENSE
IES de Vilamarín
Ourense
IES 12 de Outubro
Ourense
IES Lauro Olmo
O Barco de Valdeorras
PROVINCIA DE PONTEVEDRA
IES do Barral
Ponteareas
IES Valadares
Vigo
IES Castelao
Vigo
CPI Arquitecto Palacios
Nigrán
IES Mendiño
Redondela
CPI Plurilingüe Alfonso VII
Caldas de Reis