A Xunta protexe o Castelo da Rocha Forte coa súa inscrición no rexistro de BICs de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que dá resposta a unha solicitude do Concello de Santiago e supón a ampliación da súa protección patrimonial

Comunícao á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para a súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado
 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia ven de inscribir o Castelo de Rocha Forte, situado na parroquia de Santa María de Conxo de Santiago de Compostela, no rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (BICs) como ben inmoble na categoría de monumento, o que supón ampliar e recoñecer o seu réxime de protección patrimonial.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución, coa que o Goberno autonómico dá resposta a unha solicitude do Concello de Santiago e amplía e recoñece o seu réxime de protección xa que, pese a que o ben estaba catalogado e contaba coa consideración de BIC ao ter os requisitos legais fixados pola Lei de Patrimonio Histórico Español que protexe os castelos españois, non estaba inscrito no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Á hora de valorar a inscrición no rexistro galego, a Xunta tivo en conta a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, que recolle os bens propios da arquitectura defensiva e establece que os construídos antes de 1849 teñen a consideración de bens de interese cultural.

Informes técnicos

Ademais, o inmoble forma parte do catálogo de xacementos arqueolóxicos, como asentamento fortificado de época medieval, e na actualidade inclúese no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, ao estar singularmente identificado polo seu valor cultural nos vixentes Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela, Plan especial de protección do patrimonio construído de interese cultural no termo municipal de Santiago de Compostela, e no Plan especial de protección e acondicionamento do Parque Arqueolóxico da Rocha.

En consecuencia, á vista da documentación achegada polo Concello de Santiago de Compostela e o informe técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a Xunta decidiu inscribir o Castelo da Rocha Forte no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia. A inscrición supón recoñecer ao Castelo da Rocha como un BIC e ampliar así súa protección. Ademais, comunicarase esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Estrutura defensiva

O Castelo da Rocha Forte, situado no lugar da Rocha Vella na parroquia de Santa María de Conxo do termo municipal de Santiago de Compostela, é unha estrutura defensiva da tipoloxía de castelo de orixe medieval. O expediente ten en conta os seus valores culturais entre o que destacan o arquitectónico, arqueolóxico, científico e histórico. Tamén se fai referencia ás súas dimensións, a complexidade das estruturas que conserva e vinculación a acontecementos históricos relevantes especialmente entre o século XIII a XV.

Hai noticias da súa existencia cara a mediados do século XIII, cunha época inicial de grande esplendor e funcións de relevancia no control territorial do suroeste da cidade. O lugar foi obxecto de loitas entre o poder municipal e o arcebispal e escenario de revoltas irmandiñas no século XV, sufrindo destrucións e reconstrucións diversas.

Na resolución valórase o seu papel como un dos mellores exemplos de fortalezas defensivas e de control territorial da Galicia e confírelle unha categoría sobranceira no patrimonio cultural galego.
 

Imaxes relacionadas