O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantén un encontro en París co director da entidade, Domingo García Cañedo

O Instituto Cervantes de París acollerá a exposición itinerante coa que a Xunta conmemora o ano Laxeiro

Está previsto que a mostra ‘Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970)’ recale na entidade francesa tras o seu paso por Santiago, Madrid e Lalín

Comisariada polo historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez, reunirá pezas da súa fase de madurez e a súa estadía arxentina procedentes de distintas institucións

París, 15 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse hoxe en París co director do Instituto Cervantes da capital francesa, Domingo García Cañedo, para ultimar os detalles das actividades previstas en Francia no marco das conmemoracións do Ano Laxeiro. Incluirán levar a París unha das principais accións, a gran exposición itinerante sobre a obra de madurez do artista na súa estadía en Arxentina.

Román Rodríguez amosou a súa satisfacción por que institucións como o Instituto Cervantes colaboren en facer “máis internacional o legado dun artista que renovou a creación galega e conseguiu idear un selo propio que foi quen de deixar pegada tamén fóra de Galicia”. Deste xeito, está previsto que o Instituto Cervantes de París peche as itinerancias da exposición Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970), que a Xunta, en colaboración con outras entidades e institucións nacionais e internacionais, programa para este ano en Santiago, Madrid e Lalín.

Comisariada polo historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez, a mostra é unha das grandes apostas da programación do Ano Laxeiro e reunirá pezas únicas procedentes de diversas institucións centradas na época de madurez deste lalinense internacional que se instalou na Arxentina durante 20 anos.

Proxección da arte galega

Co título dunha destacada obra de Laxeiro dos anos 70, a mostra pretende reflictir a evolución da arte galega desde América, incorporándose ao ambiente cultural e artístico do exilio galego. A exposición contará, ademais, coa edición dun libro-catálogo.

A Xunta avanza así na programación impulsada xunto coa Real Academia Galega de Belas Artes que ademais de propostas expositivas terán tamén iniciativas académicas, audiovisuais e didácticas en distintos puntos de Galicia, así como en Madrid e que terán como acto central o 1 de abril o Día das Artes Galegas na súa honra.

Imaxes relacionadas