O presidente do Goberno galego reuniuse con María Josefa Pose Rodríguez

Feijóo aborda coa alcaldesa de Santa Comba actuacións de mellora nas vías de comunicación e a construción dunha residencia no concello
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe coa alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose Rodríguez, asuntos de interese para o Concello como a mellora das vías de comunicación e a construción dunha residencia.

Durante a xuntanza que mantiveron en San Caetano, Feijóo trasladoulle á rexedora que está previsto que este mes o Consello da Xunta aborde a execución da senda peonil na marxe dereita da AC-404, na contorna de A Ponte e Santa Catalina, logo de que o Diario Oficial de Galicia publique hoxe a aprobación do expediente de información pública e o proxecto de construción.

A maiores, o titular do Goberno galego tamén avanzou que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) está a tramitar a licitación da redacción do proxecto para acondicionar o treito do Alto do Paofito na AC-406.

No eido dos servizos sociais, Feijóo e Pose Rodríguez analizaron o proxecto de acondicionar unha edificación como residencia de maiores e a posibilidade de incluír un centro de día nesa instalación. O proxecto podería obter ata 1, 5 M€ de financiamento do Mecanismo para a Recuperación e Resiliencia.

En materia sanitaria, logo de salientar que o ano pasado o centro de saúde da localidade recibiu un ecógrafo, desfibrilador, electrocardiógrafo e espirómetro dentro dos investimentos do Plan de Atención Primaria, Feijóo avanzou que se estudará a opción de dotar o centro dun aparato de raios X.

Para concluír, o presidente da Xunta e a rexedora municipal analizaron a evolución do proxecto para reparar a climatización da piscina, que conta xa con financiamento da Secretaría Xeral para o Deporte.

Imaxes relacionadas