A Xunta e ASPRONAGA colaborarán na atención educativa do alumnado con discapacidade intelectual e do desenvolvemento

O acordo enmárcase na colaboración do departamento educativo da Xunta de Galicia coas entidades de atención á diversidade, unha liña prioritaria para o Goberno galego.

Galicia é a Comunidade na que unha maior porcentaxe do alumnado con necesidades especiais está escolarizado en centros ordinarios

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (ASPRONAGA), Nicanor Álvarez, veñen de asinar un convenio de colaboración para a mellora da atención educativa ao alumnado con este tipo de necesidades educativas especiais.

En concreto, fomentarase a colaboración do persoal do centro educativo da asociación cos centros de ensino ordinarios. Deste xeito, a experiencia acumulada polos profesionais de ASPRONAGA e pola rede de case 4.000 profesionais de atención á diversidade cos que conta a Consellería, así como os materiais existentes, poderán ser compartidos e aproveitados por todas as partes naqueles centros que o soliciten.

A colaboración aplicarase tanto ao apoio ao labor educativo, formación e asesoramento a outros profesionais como á orientación sobre material didáctico, bibliográfico, equipamento adaptado e axudas técnicas para o alumnado. Tamén de colaborará no desenvolvemento de propostas didácticas e de iniciativas formativas dirixidas ao profesorado.

Así mesmo, fomentaranse experiencias conxuntas, actividades compartidas entre centros ordinarios e específicos que favorezan itinerarios educativos e experiencias que faciliten unha aprendizaxe e enriquecemento no eido da diversidade para o conxunto do alumnado.

O acordo enmárcase na colaboración do departamento educativo da Xunta de Galicia coas entidades de atención á diversidade, unha liña prioritaria para o Goberno galego. Non en balde, Galicia é a Comunidade na que unha maior porcentaxe do alumnado con necesidades especiais está escolarizado en centros ordinarios.

Imaxes relacionadas