A Xunta aproba o Plan Estratéxico 2022-2030 para deseñar a Galicia do futuro e acadar unha recuperación sostible, competitiva e inclusiva

Feijóo cualifica este Plan como un “documento de país” e como “unha ferramenta útil”, incidindo en que “sen planificación só pode haber improvisación”

Este plan prevé un crecemento medio sostido ata 2030 de entre o 2 e o 2,5% anual e que nesta década se reduza 4 puntos a taxa de paro

Pretende garantir unha senda previsible, rigorosa e estable de actuación do Goberno para desengancharnos da débeda pública no orzamento do ano 2025 e volver ao déficit cero

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, subliña que este Plan prevé que Galicia reducirá a ratio débeda/PIB en cinco puntos nesta década, ata o entorno do 13%.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe en rolda de prensa que o Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan Estratéxico 2022-2030 para deseñar a Galicia do futuro e acadar unha recuperación sostible, competitiva e inclusiva.

Logo de cualificar este Plan como un “documento de país” e como “unha ferramenta útil”, o presidente da Xunta incidiu en que “sen planificación só pode haber improvisación”.

Deste xeito, no tocante ás principais prioridades, Feijóo incidiu en que este Plan prevé un crecemento medio sostido ata 2030 de entre o 2 e o 2,5% anual e que nesta década se reduza 4 puntos a taxa de paro e que cara ao ano 2030 baixe ata o entorno do 8%.

A maiores, Feijóo salientou entre os obxectivos que marca esta estratexia a promoción dunha sociedade innovadora, competitiva, solidaria e cohesionada así como favorecer os valores diferenciais de Galicia como motores de desenvolvemento. E, ademais, pretende “garantir unha senda previsible, rigorosa e estable de actuación do Goberno para desengancharnos da débeda pública no orzamento do ano 2025 e volver ao déficit cero”, dixo.

Nesa liña, este Plan Estratéxico conta con cinco eixes transversais que marcarán a Galicia de 2030: o reto demográfico e o benestar; a Galicia verde e sostible; a competitividade e o crecemento; a cohesión social e territorial, e a gobernanza.

Durante a presentación do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, subliñou que este Plan prevé que Galicia reducirá a ratio débeda/PIB en cinco puntos nesta década, ata o entorno do 13%.

Durante a súa intervención, o titular de Facenda e Administración Pública sinalou que as metas a acadar en 2030 son a converxencia plena con España en termos de renda bruta dispoñible per cápita dos fogares, rebaixar en 4 puntos a taxa de paro, reforzar a saúde e a calidade de vida, consolidar o sistema educativo entre os mellores de España, avanzar cara á neutralidade climática, aumentar o peso das enerxías renovables, potenciar o peso do sector industrial e mellorar a competitividade, favorecer unha Galicia dixital e innovadora, continuar reducindo a taxa de exclusión social, e garantir unha Galicia sen fendas de xénero.

En definitiva, o Plan Estratéxico 2022-2030 é máis que un plan de Goberno, pois é unha estratexia para todas as galegas e galegos, que foi amplamente consensuado coa sociedade civil durante tres roldas de participación de expertos e representantes de todos os sectores produtivos, e que será remitido ao Parlamento para o seu debate.

Imaxes relacionadas