A Xunta lamenta o pasamento de Magín Froiz, “un pioneiro que traballou de xeito incansable polo benestar galego: desde a economía ata o deporte”

En 1987, xunto a Evaristo Portela, fundou o Grupo Deportivo Supermercados Froiz que está considerado como o “mellor equipo de ciclismo amateur da historia de España con oito campionatos nacionais elite e sub23, colleitando cinco deles de xeito consecutivo”

Santiago, 10 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, manifestou o pésame en nome de todo o tecido deportivo de Galicia polo pasamento de Magín Alfredo Froiz, fundador do grupo Distribucións Froiz. “Moitos dos valores do deporte como o sacrificio e o traballo constante están presentes na vida de Magín Froiz e no xeito no que se converteu nun dos empresarios máis senlleiros do país desde un pequeno almacén loxístico en Poio ata ser un dos grupos alimenticios máis importantes de España”, apuntou o mandatario galego. “A súa morte, deixa un baleiro insubstituíble”, lamentou.
O secretario xeral para o Deporte destacou que, desde esta posición privilexiada, Magín Froiz apostou polo deporte como un vehículo para acadar unha vida activa e saudable e promover o deporte de elite en Galicia. Deste xeito, en 1987, xunto a Evaristo Portela, fundou o Grupo Deportivo Supermercados Froiz que está considerado como o “mellor equipo de ciclismo amateur da historia de España con oito campionatos nacionais elite e sub23, colleitando cinco deles de xeito consecutivo”. Precisamente no día de mañá ía ter lugar en Poio a presentación da 34ª tempada do Froiz, sendo tamén un dos clubs ciclistas máis lonxevos do panorama nacional. “Magín ensinoulles a moitos dos que viñeron despois que investir no deporte desde a empresa privada era un rotundo acerto”, manifestou Lete Lasa.
O secretario xeral para o Deporte asegurou que na vindeira resolución das Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia que recoñecen a persoas e institucións que destacan polo seu labor a prol da promoción e o fomento do deporte e da educación física na Comunidade Autónoma galega, Magín Froiz será galardoado a título póstumo.