A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade apunta ao obxectivo de ter tamén en marcha no outono a redacción da 2ª fase do desdobramento da vía de altas prestacións, unha actuación na que a Xunta investirá arredor de 30 M€

Ethel Vázquez anuncia a licitación hoxe da redacción do proxecto construtivo que completará a autovía Nadela-Sarria, cuxa primeira fase se atopa ao 60% de execución e se porá en servizo en outono

Trátase da redacción do proxecto de trazado, do estudo de impacto ambiental e do proxecto construtivo para executar o treito de 13,5 km, entre A Pobra e a conexión coa A-6 en Nadela

Vázquez Mourelle destaca que as obras en execución da autovía nos 11,5 km que conectan A Pobra de San Xiao con Sarria centro avanzan a ritmo intenso con preto de 70 traballadores e ata 33 máquinas pesadas sobre o terreo
 

O Páramo (Lugo), 15 de marzo de 2022.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación hoxe da redacción do proxecto construtivo que completará a autovía Nadela-Sarria, cuxa 1ª fase se atopa ao 60% de execución e se prevé poñer en servizo en outono.

A plataforma de contratos públicos da Xunta recolle este anuncio, que supón a redacción do proxecto de trazado, do estudo de impacto ambiental e do proxecto construtivo para a construción da segunda fase da autovía, ao longo de 13,5 km, entre A Pobra de San Xiao e a conexión coa A-6 en Nadela.

Vázquez Mourelle, co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, deu conta deste contrato hoxe no Páramo, onde supervisou a pé de obra os avances das obras da 1ª fase da autovía, no tramo que comunica A Pobra de San Xiao con Sarria centro.

A conselleira puxo o acento neste paso decisivo que dá hoxe a Xunta, en cumprimento da palabra dada de continuar coa autovía cara ao norte, desde Sarria ata Nadela. Informou que as empresas interesadas na redacción do proxecto teñen ata o vindeiro 19 de abril para presentar as súas ofertas. A Xunta destinará 335.000 € a este contrato, que se agarda comezar a executar xa no verán.

Indicou que o obxectivo é que, cando o vindeiro outono se poña en servizo o primeiro treito da Autovía Nadela-Sarria estea xa en marcha a redacción do proxecto da 2ª fase, que completará o desdobramento da vía de altas prestacións entre Lugo e Sarria, unha actuación á que a Xunta destinará 30 M€.

Primeira fase

A titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse aos progresos na construción da primeira fase da autovía Nadela-Sarria que, segundo remarcou é un dos proxectos máis estratéxicos que están en marcha actualmente na provincia de Lugo.

A Xunta está a investir máis de 25 M€ nesta primeira fase do desdobramento da vía de altas prestacións que vertebra o sur da provincia actuando, concretamente, nos 11,5 km que conectan A Pobra de San Xiao con Sarria centro, o treito que rexistra maior intensidade de tráfico.

Tal e como indicou Ethel Vázquez, as obras supoñen a adaptación dos tres enlaces do treito (A Pobra, Sarria norte e Sarria centro) e a ampliación dos seis pasos inferiores, ademais da instalación dun valado reforzado, que está demostrado que é o medio máis eficaz para evitar o acceso de fauna salvaxe que pon en risco a seguridade dos condutores.

Trátase, como dixo a conselleira, dunha grande obra, que se atopa moi avanzada grazas a un ritmo intenso de execución ao longo dos últimos meses, con preto de 70 traballadores e ata 33 máquinas pesadas sobre o terreo.

A conselleira explicou que está xa practicamente completado o traballo de preparación do terreo e de explanación, e concluída a ampliación das estruturas. Os traballos concentraranse a partir de agora en completar as escavacións e recheos pendentes e na execución das drenaxes. Segundo precisou, xa a partir de maio-xuño, en función da meteoroloxía, iniciarase a extensión das distintas fases do firme e culminarase a reposición de servizos e toda a sinalización. Tamén neses meses, instalarase o valado de cerramento de alta tracción fronte aos animais.

Indicou que a pesar de todas as dificultades do contexto e da crise de prezos e materiais que afronta, como tantos outros, o sector da construción, estase a cumprir a programación dos traballos, executados case ao 60%. Remarcou, neste sentido, que se mantén o obxectivo de poñer esta 1ª fase da autovía ao servizo dos veciños de Lugo o vindeiro outono, se a situación excepcional que estamos a vivir non o impide.

Ethel Vázquez salientou que a construción desta infraestrutura responde á firme vontade do Goberno galego pola vertebración e o equilibrio territorial, a través dunha actuación que achegará seguridade viaria, competitividade económica e calidade de vida ao sur da provincia.

Lembrou que a Xunta xa investiu máis de 135 M€ na construción, nos peores anos da crise económica, da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, rematada no ano 2015, e agora está a destinar outros 25 M€ á primeira fase do seu desdobramento, aos que se sumarán uns 30 M€ para completalo.

Contrapón os investimentos da Xunta no interior de Galicia e a súa aposta pola vertebración e polo equilibrio territorial coas políticas do Goberno de España, que esquece o rural e o discrimina co impulso de proxectos como a Lei de mobilidade sostible.

Imaxes relacionadas