O conselleiro de Cultura asiste esta noite a gala en ExpoCoruña acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director da Agadic, Jacobo Sutil

Román Rodríguez refírese aos premios Mestre Mateo como a demostración do gran momento do audiovisual galego

O responsable autonómico de Cultura felicita a Academia Galega do Audiovisual e a todos os profesionais pola súa contribución a que Galicia sexa un referente indiscutible neste eido

A cita conta co apoio reforzado do Goberno galego no marco do seu 20º aniversario
 

A Coruña, 19 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e polo director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asiste esta noite á entrega dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, unha gala que conta co apoio reforzado do Goberno galego no marco do seu 20º aniversario e na que se entregan galardóns en 24 categorías.

No marco da gran festa do audiovisual galego, o responsable autonómico de Cultura celebra o bo momento que vive a industria en Galicia e destaca o importante estímulo que supón para o sector esta entrega de premios. “Estes galardóns son un verdadeiro escaparate do mellor do noso audiovisual no que lle dá visibilidade ao noso talento e aos nosos filmes, proxectos e profesionais”, salienta Román Rodríguez.

Nesta liña, o conselleiro engade que a cita e os finalistas demostran que os galegos “debemos estar tremendamente orgullosos da industria audiovisual, xa que os 24 premios que se entregan hoxe, así como todos os éxitos acadados nos últimos anos, reflicten que o sector ten presente e un futuro é máis que esperanzador”. Así mesmo, felicita aos membros da Academia Galega do Audiovisual e a todos os profesionais do cinema e a televisión polo traballo feito para levar “ao noso audiovisual ata onde está hoxe en día e converter a Galicia nun referente indiscutible neste eido”.

Hub audiovisual en marcha

“Somos conscientes de que nestes tempos as empresas teñen que facer un esforzo extra para facer fronte aos efectos da crise, pero desde a Xunta de Galicia continuaremos apoiando o seu traballo”, precisa Román Rodríguez antes de lembrar que o Goberno galego ten en marcha varias liñas de axuda que, só en 2022, suporán unha inxección directa no audiovisual galego de 7,3 millóns de euros a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural e do programa anual de subvencións ás industrias culturais.
 

Imaxes relacionadas