Feijóo reforza o Plan de Choque co compromiso de axudas directas para o sector agropecuario, especialmente para o da carne e do leite, e coa ampliación do Programa Renove Automoción

Tras o anuncio da UE de que España recibirá 64,5M€ do fondo de crise para apoiar a gandeiros e agricultores, urxe ao Goberno a que se comprometa a achegar outra cantidade similar, asegurando tamén que as comunidades deben facer o propio entre todas

Precisa que a Administración galega apoiará con fondos propios e na cantidade que corresponda ao sector

Resalta a ampliación noutros 2M€ do Programa Renove Automoción, para cambiar un coche con máis de dez anos de antigüidade e cunhas axudas a particulares que van desde os 3.000 ata os 4.000 euros

Pontevedra, 24 de marzo de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o reforzo do Plan de Choque da Xunta co compromiso de axudas directas para os sectores agropecuarios máis afectados pola alza descontrolada dos prezos derivada da invasión rusa de Ucraína, no caso de Galicia especialmente o sector do vacún de carne e de leite. Tamén se reforzou este plan coa ampliación do Programa Renove Automoción.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo instou ao Estado a deseñar conxuntamente coas comunidades un paquete de axudas directas destinadas ao conxunto do sector gandeiro español, tendo en conta a súa importancia económica, social e medioambiental en Galicia. Non en van, a galega é a primeira comunidade produtora de leite de España e a terceira de carne vacún.

Así, tras o anunciou da Comisión Europea de que España recibirá 64,5 millóns de euros do fondo de crise para apoiar a gandeiros e agricultores, o titular da Xunta urxiu ao Goberno a que se comprometa a achegar outra cantidade similar, asegurando tamén que as comunidades deben facer o propio entre todas. Neste caso, precisou que a Administración galega apoiará con fondos propios e na cantidade que corresponda ao sector.

No tocante á segunda medida adoptada, salientou a ampliación noutros 2 millóns de euros do Programa Renove Automoción, para cambiar un coche con máis de dez anos de antigüidade e cunhas axudas a particulares que van desde os 3.000 ata os 4.000 euros, segundo o tipo de vehículo. Cómpre lembrar que esta contía pode incluso incrementarse nun 20 por cento para as familias numerosas e, deste xeito, lograr que os apoios alcancen os 3400 e 4600 euros.
O responsable autonómico aproveitou a súa intervención para recordar a súa comparecencia o pasado martes no Parlamento de Galicia, co fin de reclamar ao Goberno unha vez máis que actúe ante a situación económica que se está a vivir; e para dar conta das novas medidas do Plan de Choque, en continua actualización, con fin de conter unha situación económica que está poñendo en risco a actividade da práctica totalidade da industria produtiva e dificultando a vida das familias.

Imaxes relacionadas