A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe as actuacións que se levarán a cabo nun treito de preto de 1,6 km e que estarán ao servizo dos veciños na primavera de 2023

Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de 810.000 euros nunha 1ª fase das obras de mellora da estrada OU-402 na Arnoia que se licitan hoxe e se iniciarán no outono

Actuarase nun treito da vía que carece de beirarrúas, beiravías e zona para peóns, mellorando o trazado e ampliando a estrada ata os 7 metros de ancho onde sexa factible, rectificando tamén as curvas de radio reducido

Habilitarase un espazo peonil, construíndo beiravías ao longo de algo máis de 1 km pola marxe esquerda da vía e cuneta transitable ao longo de medio quilómetro, ademais de mellorar a senda entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia

A Arnoia (Ourense), 28 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento da Xunta de 810.000 € nunha 1ª fase das obras de mellora da estrada autonómica OU-402 na Arnoia, que se licitan hoxe e se iniciarán no outono.

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle este anuncio, que fixa o prazo de execución dos traballos en 6 meses. As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 25 de abril para presentar as súas ofertas. Deste xeito, tal e como adiantou Vázquez Mourelle, os veciños e usuarios disporán dun treito de 1,6 km de estrada renovada e mellorada na primavera de 2023.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade achegouse hoxe ata o municipio da Arnoia para presentar esta mellora da estrada OU-402 que facilitará desprazamentos máis cómodos e seguros a todos os usuarios, tamén ás persoas que se desprazan a pé, tendo en conta que agora este treito da estrada non ten beirarrúas, nin beiravías, nin zona para peóns.

Para acadar este obxectivo mellorarase o trazado da vía, ampliando, sempre que sexa factible, a estrada ata os 7 metros de ancho. Tamén se rectificarán as curvas de radio reducido.

Para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños de xeito seguro, habilitarase un espazo peonil, construíndo beiravías ao longo de algo máis de 1 km, de 2 metros de ancho, pola marxe esquerda, e cuneta transitable ao longo de medio quilómetro. Tamén se mellorará a senda existente entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia e contorna.

A través desta intervención da Xunta, actuarase na intersección da OU-402 coa vía provincial OU-0305 no quilómetro 30+700. Neste punto, e co fin de mellorar a visibilidade e garantir unha maior seguridade nos xiros, habilitarase un carril central de espera e un cambio de sentido.

Ademais, e tendo en conta que se actuará tamén na entrada ao núcleo urbano da Arnoia, adecuarase o trazado á normativa vixente, incidindo sobre a mellora da visibilidade na circulación. Neses 600 metros de estrada de entrada ao núcleo, debido á dificultade de ampliar a vía sen afectar ás edificacións existentes, conservarase o ancho actual dos carrís, 3 metros, actuando na gabia da marxe esquerda, para convertela en gabia transitable.

A intervención completarase con traballos de reforzo do firme, a mellora da drenaxe transversal, sinalización e instalación de barreiras de seguridade.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que a actuación que hoxe se licita non inclúe a intervención no pontón existente, que precisa do permiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A este respecto, dixo que co obxectivo de non demorar estas obras de mellora da vía, o departamento que dirixe redactará un proxecto independente para actuar nese punto, tal e como se acordou co Concello.

Ethel Vázquez contrapuxo a aposta que está a facer a Xunta por unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións entre os municipios pequenos e do interior da comunidade, á do Goberno central, que deixa fóra dos investimentos ao rural, ao igual que coa Lei de mobilidade sostible que está a promover.

Nesta liña, a conselleira incidiu na importancia das actuacións nos municipios pequenos, como está que se levará a cabo na Arnoia e que contribuirá a incrementar as oportunidades do municipio, con grandes atractivos turísticos, como as augas termais naturais.

Tamén se referiu o proxecto que presentou o pasado venres en Beariz, do novo acceso ao parque empresarial de Lebozán, no que a Xunta investirá 445.000 € para favorecer a competitividade do municipio.

Imaxes relacionadas