Trenor informa de que a Xunta somete a información pública o proxecto da senda peonil na estrada AC-524 en Frades, que suporá un investimento de máis de 241.000€

O delegado da Xunta subliña que as persoas interesadas terán de prazo 30 días hábiles a partir de mañá para presentar as achegas que consideren ao trazado proposto

Frades (A Coruña), 28 de marzo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse esta mañá co alcalde de Frades, Roberto Rey, con motivo da información pública do proxecto da senda peonil na AC-524 no Concello de Frades, que suporá un investimento da Xunta de máis de 241.000 €.

Trátase dunha actuación moi demandada polo Concello que busca fomentar a mobilidade sostible na contorna do treito de actuación, fomentando os desprazamentos a pé, alternativos ao uso do vehículo particular, e mellorando a seguridade viaria dos peóns, tendo en conta as vivendas situadas nas marxes da estrada nesa zona.

O obxecto da obra é a execución de unha senda na marxe esquerda da estrada autonómica AC-524, concretamente no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+820 e 8+590, dando continuidade á senda existente na travesía de Abellá.

Trátase dunha senda que permite a conexión do núcleo rural de Pibideira cos núcleos do Pazo e Sobre dos Campos. O itinerario terá 770 metros de lonxitude, ao longo do cal se contemplan ademais obras de pavimentación, a execución dun sistema de drenaxe de augas pluviais e a reposición de aqueles servizos afectados pola execución das obras.

O delegado da Xunta informou que o prazo de exposición pública do proxecto é de 30 días hábiles a contar a partir de mañá, polo que as persoas interesadas poderán trasladar as achegas que consideren ao trazado proposto.

A exposición ao público do proxecto realízase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n); no Servizo de Infraestruturas da Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2); e na Casa do Concello de Frades (rúa Cimadevila, 10).

Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/transparencia/procedementos-informacion publica/estudos-proxectos) atópase ao dispor dos interesados o documento completo do proxecto de construción.

Imaxes relacionadas