Medio cento de entidades galegas de produtos do mar e do agro participarán na feira Alimentaria de Barcelona co apoio da Xunta de Galicia

A conselleira do Mar e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitarán este certame a vindeira semana para apoiar ás empresas galegas que asistirán a este evento tanto baixo o paraugas do Executivo galego como pola súa conta

O posto da Consellería do Mar acollerá o martes 5 de abril pola tarde a degustación de conservas de peixes e mariscos que se realizará en colaboración con Anfaco-Cecopesca

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

A Xunta promocionará os produtos galegos de calidade coa súa presenza na feira Alimentaria que terá lugar en Barcelona entre os vindeiros 4 e 7 de abril. Alí o Executivo galego apoiará a presenza de medio cento de entidades galegas do mar e do agro e realizará en colaboración con elas diferentes clases maxistrais e degustacións. Ademais a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitará este certame o martes e o luns o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participará na súa inauguración.
A Consellería do Mar estará presente neste evento cun posto que conta con 460 metros cadrados de superficie de zona expositiva e que alberga a 26 empresas. O martes 5 de abril pola tarde terá lugar neste espazo a degustación de conservas de peixes e mariscos que se realizará en colaboración con Anfaco-Cecopesca e no marco do convenio que asinan anualmente ambas partes.
Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural apoia a 24 entidades do ámbito agroalimentario distribuídas en diferentes pavillóns da feira. En concreto, o apartado dedicado ás experiencias de calidade galegas ofrecerá ao longo das diferentes xornadas degustacións dos queixos con denominación de orixe protexida (Tetilla, Arzúa-Ulloa, Cebreiro e San Simón da Costa), combinados con pezas distinguidas coa IXP Pan Galego ou coa de Pan de Cea. Tamén se poderá probar produto amparado polas indicacións xeográficas protexidas Pataca de Galicia, Lacón Gallego, Castaña de Galicia, Tarta de Santiago e Mel de Galicia, e produtos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, grazas ao bo facer de distintos chefs.
En canto ás clases maxistrais, estarán presentadas polo Consello Regulador das IXP Carne de Vacún de Galicia que, da man de cociñeiros galegos, se encargará de mostrar as posibilidades culinarias que ofrece a IXP Ternera Gallega ou a de Vaca Gallega/Buey Gallego cos Grelos de Galicia, a Faba de Lourenzá ou os Licores e Augardentes Tradicionais de Galicia, tamén con indicación xeográfica protexida. En ambos casos -tanto nas catas como nas clases- contarase ademais coa maridaxe a cargo das denominacións de orixe dos viños Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras. A maiores das empresas que asisten a Alimentaria baixo o paraugas da Xunta, tamén estarán presentes neste evento outras empresas galegas que van pola súa conta.

Alimentaria 2022

Barcelona Alimentaria é un evento internacional de referencia para os profesionais das industrias da alimentación e das bebidas, así como da restauración e da hostalaría, onde se pon de relevo a innovación e as últimas tendencias destes sectores. Nesa liña, esta edición conta co novo salón Alimentaria Trends, que aunará nun mesmo espazo áreas dedicadas en exclusiva aos alimentos delicatessen, orgánicos ou libres de alérxenos e doutros compoñentes.
Con esta edición reactívase este evento bienal despois de suspenderse a edición de 2020 debido á situación derivada da pandemia da covid-19. En Alimentaria 2022 estarán presentes cadeas de distribución, maioristas, importadores, exportadores, procesadores e transformadores de alimentación e bebidas. Tamén participarán neste certame representantes do comercio detallista e do electrónico, así como cadeas de restauración e hoteleiras, institucións e asociacións sectoriais.