Xunta e Universidade da Coruña colaborarán no deseño de itinerarios formativos para o emprego baseados nos resultados do estudo de tecnoloxías emerxentes
O Goberno galego aproveitará o potencial docente, investigador e divulgativo do ente académico para definir a formación para o emprego do futuro
O Estudo de tecnoloxías emerxentes permitiu coñecer os perfís que demanda o mercado e os que precisan transformarse para non desaparecer
A Xunta quere adiantarse ás necesidades formativas das persoas traballadoras e favorecer o crecemento do emprego de calidade
Abrirase tamén unha colaboración con Cruz Vermella para a formación con compromiso de contratación de mulleres vítimas da violencia de xénero e da trata
A Consellería de Emprego e Igualdade e a Universidade da Coruña colaborarán na realización dun proxecto de xeración de coñecemento sobre as necesidades de formación no mercado laboral, tal e como hoxe recolle o Diario Oficial de Galicia. Esta conxunción materializarase no deseño de itinerarios específicos para cualificar ás e aos profesionais do futuro con atención ás conclusións do Estudo de Tecnoloxías Emerxentes que a Xunta vén de presentar co obxectivo de impulsar o emprego de calidade e transformalo nos diferentes sectores.
O convenio estará dotado con 57.776 euros con cargo aos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Grazas ao mesmo o Goberno galego porá en valor o coñecemento dos equipos docentes que integran a Universidade da Coruña así como a súa capacidade investigadora e divulgativa para elaborar os programas formativos que permitirán mellorar a competitividade do tecido produtivo galego.
As propostas formativas enviaranse ao Servizo Público de Emprego Estatal, órgano competente para a súa aprobación e inclusión no Catálogo de especialidades formativas de formación profesional para o emprego.
O convenio nace do recente desenvolvemento do Estudo de Tecnoloxías Emerxentes elaborado pola Xunta, no que se analizaron 15 sectores económicos estratéxicos e xeradores de emprego en Galicia e 14 tecnoloxías emerxentes. A análise vén de identificar o impacto que as mesmas terán na transformación dos postos de traballo, algúns en risco de desaparecer se non se adecúa a formación.
O Goberno galego revisou o grao de adecuación da oferta formativa actual e avaliou as carencias formativas das persoas ocupadas co obxectivo de focalizar a oferta formativa na demanda dos novos perfís profesionais que xurdirán en Galicia nos vindeiros anos. A Xunta busca anticiparse e dar resposta ás necesidades que están a xurdir para garantir a estabilidade e fomentar o crecemento do mercado laboral galego.
O estudo concluíu, entre outros aspectos, que en Galicia a transformación tecnolóxica está a producirse a diferentes velocidades segundo o tamaño da empresa e afecta de modo distinto segundo a categoría ou o rol dos traballadores na cadea de produción.
Así, o traballo deduciu que os postos vinculados ao deseño e implantación das solucións tecnolóxicas están a ter unha alta demanda. Pola contra, as persoas traballadoras que realizan tarefas repetitivas ou susceptibles de ser automatizadas precisan de novos coñecementos adaptados ao uso das novas tecnoloxías e a adquisición de novas competencias. O traballo tamén salienta que o labor dos operarios de produción, con independencia do sector, transformarase, polo que é necesario orientar a formación ao manexo de novas solucións tecnolóxicas.
Convenio con Cruz Vermella
O Diario Oficial de Galicia tamén da coñecer hoxe o convenio que formalizarán a Consellería de Emprego e Igualdade e Cruz Vermella para desenvolver un programa de formación co compromiso de contratación de vítimas da violencia de xénero, da trata e da explotación sexual. Financiado tamén con fondos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (560.000 euros), trátase dunha nova iniciativa que ten por obxectivo a inserción laboral no mercado de traballo do maior número de participantes e por un mínimo de seis meses. Pola participación, o programa prevé axudas directas de entre 500 e 960 euros mensuais, en función da formación realizada e a súa duración.