A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo un encontro co presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo

Galicia ultima un estudo sobre o impacto que terían as limitacións á pesca de fondo en artes da frota costeira artesanal como os miños, o bou de vara ou os trasmallos

A comunidade remitirá este informe ao sector pesqueiro afectado e ás autoridades competentes para que sexan conscientes do impacto que poden ter nas artes menores as medidas propostas ao abeiro da Estratexia de Biodiversidade para 2030

Esta análise dará continuidade aos ditames xa remitidos a Bruxelas e aos contactos con outras rexións como a Bretaña francesa para avalar que o bo emprego destas artes as fai respectuosas co medio ambiente

A conselleira do Mar lamentou que a Xunta non obtivo resposta do Executivo comunitario á solicitude dos informes biolóxicos, económicos e sociais que sustentan as propostas europeas, que complicarían a actividade dun importante número de embarcacións e poderían derivar na perda de buques e empregos

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana un encontro co presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo, Iván López, no que puxeron en común o traballo realizado por ambas partes nas últimas semanas para contrarrestar os plans da Comisión Europea e doutras institucións comunitarias para impoñer limitacións e restricións á pesca con artes de fondo en augas europeas. Neste sentido, a titular de Mar expuxo que a Xunta está a ultimar un estudo sobre o impacto que esas trabas terían en artes de fondo da pesca costeira artesanal como os miños, o bou de vara, os trasmallos ou os rastros de vieira.
Rosa Quintana salientou que Galicia remitirá este informe tanto ao sector pesqueiro afectado como ás autoridades competentes para que sexan conscientes do impacto que as medidas propostas ao abeiro da Estratexia de Biodiversidade para 2030 poden ter, desde o punto de vista socioeconómico, na frota de artes menores.
Ese novo estudo, explicou a representante do Executivo galego, pretende dar continuidade aos xa enviados pola comunidade a Bruxelas e nos que se constata tanto a escasa pegada de carbono e a nula pegada hídrica que teñen moitas artes de arrastre de menor tamaño -algo que referendan tamén informes internacionais- como a existencia de elementos alleos á pesca que inciden nas zonas mariñas protexidas e afectan ao seu estado.
A conselleira tamén lembrou que Galicia solicitou ao Executivo comunitario os ditames biolóxicos, económicos e sociais que sustentan a proposta europea de aumentar as áreas con limitacións á pesca con determinadas artes e que polo momento non obtivo resposta.
Ante esta situación, as partes coincidiron na necesidade de seguir traballando para facer ver ás institucións competentes que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e que unha limitación á presenza dalgunhas artes complicaría a actividade dun importante número de embarcacións e podería derivar na perda de buques e empregos.
Neste sentido, a titular de Mar incidiu na importancia de establecer alianzas con aquelas rexións pesqueiras europeas que, ao igual que Galicia, se verían afectadas por esas novas restricións. Por iso, a comunidade pretende dar continuidade nos próximos meses aos encontros mantidos a comezos de febreiro coas autoridades pesqueiras da Bretaña francesa e facer o mesmo coas de Países Baixos ou Irlanda.
Rosa Quintana remarcou que é un erro catalogar algunhas artes como prexudiciais, pois o seu impacto depende en boa medida do uso que se lle dea, e salientou o bo facer da frota española, que usa as distintas artes seguindo estritamente a lexislación en vigor. Ese bo facer, salientou, é o que levou a que a maioría das pesqueiras nas que faenan os buques galegos se atopen no rendemento máximo sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que se pode extraer dun caladoiro sen prexudicar o estado do recurso.
Nesta liña, a titular de Mar incidiu en que Galicia sempre defendeu, e así o vai seguir facendo, a necesidade de que na xestión das pesqueiras se teñan en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais pois detrás de cada embarcación e de cada especie hai familias que teñen nelas o seu sustento, polo que non se poden xestionar os recursos desde unha perspectiva exclusivamente medioambiental.

Nova asociación

A Alianza Europea de Pesca de Fondo é unha asociación de recente creación que pretende defender os intereses de arredor de 8.000 buques e uns 22.000 pescadores. O seu presidente, Iván López, é tamén presidente da Asociación Nacional de Armadores de Buques de Pesca de Bacallau (Agarba) e do Consello Consultivo de Larga Distancia (LDAC). No encontro, o representante desta entidade trasladou á titular de Mar as xestións realizadas nas últimas semanas e as xuntanzas mantidas no ámbito europeo para defender os intereses do sector.

Imaxes relacionadas